As dúas reflexións teñen plena vixencia no escenario político actual. Partidos políticos, medios de comunicación, correntes de opinión e pensamento, homes (e mulleres) de estado e opinólogos. Unionistas: dos recentralizadores e dos federalistas. Soberanistas. Todos e todas coinciden: hai un colapso do pacto constitucional de 1978. E se non andamos con tino pode pasar o que sentenciaba o Beiras: pode ser resolto sen o “salto cualitativo que permita cotas de soberanía”. Rexeneración e república española. Cambio e permanencia. Pode pasar. E patrocinada tamén por segmentos da dereita española.
E o nacionalismo galego ao fío do fin do ciclo constitucional de 1978, ten que clarificar a súa proposta xurídico-política para a sociedade. Foi así nos albores do pacto constitucional. A creba democrática e a apertura dun proceso democrático no noso País, foron as propostas do nacionalismo galego. E fíxoo en condicións de debilidade e minorización. Nun escenario onde pelexaba contra case todos. PCE, AP, PSOE e UCD, entre outros, traballaban contra a posibilidade de ver un proceso constituínte e democrático no noso País. Perdimos na altura. Mais aquí seguimos.
Estamos nun momento político no que se está a interiorizar, por segmentos en expansión, fundamentalmente da militancia e o activismo nacionalista, a disxuntiva entre autonomismo e soberanismo. Seguinte parada: a sementeira en cada recuncho do País. Non é esta, desde logo, a política de quen sinalou a disxuntiva no 2006 e da súa creación concreta: AGE. Estes están en cousas “máis importantes”. Como pensar nas enquisas que os sitúan por riba do PSOE... aí compiten agora, disque.
“A min non me vale o soberanismo de Mas” clama un dirixente anovista. Coma quen descubriu algo. Aínda estou a buscar os textos da esquerda soberanista galega onde se diga tal cousa! Onde se exprese tal anceio! Iso si, de facer un mínimo de pedagoxía soberanista, aproveitando os recursos da Radio Galega e de La Voz dos que dispón; ná de ná. Mellor confundir a necesidade de soberanía de Galiza coa ideoloxía ou aspiración de Mas.
Iso si, lembrade: “a esquerda soberanista e a esquerda federal teñen moito en común e é máis o que as une que o que as separa”, insiste. Non teño dúbida de que teñen cousas en común. Mais diverxen no fundamental: cal é o suxeito de soberanía na plasmación do proxecto político. E muito ollo con despreciar esta cuestión. En España, hoxe, xentes do PSOE e sectores do PP (incluído o “padre de la constitución” e intelectual de dereitas, Herrero de Miñón) vislumbran unha saída federal e mesmo republicana. O mesmo que IU. Ergo, a min o federalismo de IU non me vale.
(Nun recente traballo académico, preguntaban que elementos unían e separaban aos axentes e actores políticos no conflito de Irlanda do Norte. Incluso nun escenario de guerra, algunhas nais dos soldados unionistas e algunhas nais dos combatentes do IRA – esta era unha das solucións- compartían moito: os seus fillos morrían. O que non tiñan en común eran os proxectos políticos. Uns querían a permanencia no Reino Unido. Os outros reunificarse na Irlanda).
Só o proxecto da esquerda soberanista galega, nacionalistas e independentistas unidos e unidas, podemos situar no debate político galego unha cuádruple cuestión que nos permita a verdadeira creba democrática na Galiza: suxeito de soberanía (povo galego), exercicio da autodeterminación (estado galego), independencia (gobernar nós a nosa Terra) e xustiza social (goberno da maioría social: obreiros e capas populares).
Polo demais... ficou moi ben a campaña. Moi bonito todo... @Aure_Lopes