A Covid-19, un risco máis para o cambio climático

Desde Nais polo Clima piden que se lle siga dando visibilidade ao cambio climático, algo que segue ocorrendo aínda que agora o foco estea na pandemia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2020 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

Nais polo Clima denuncia a pouca representación mediática que está tendo o cambio climático agora pola importancia que ten a pandemia. "Os problemas ambientais e a crise climática aféctannos agora e continuarán a facelo, a pesares da Covid-19", explican.

Os máis novos protestan contra o cambio climático e piden ecoloxismo
Os máis novos protestan contra o cambio climático e piden ecoloxismo | Fonte: Miguel Núñez

A organización argumenta que antes da irrupción da pandemia, foron moitos os pasos que se deron: a redución de plástico, o consumo e a mobilidade sostible, etc. Coa aparición da Covid-19, a folla de ruta, din, "veuse truncada". "Agora observamos os residuos de EPI tomando as rúas e chegando ao mar, o sobre-envasado e o plastificado de produtos de primeira necesidade, a desregulación das normas de protección ambiental e a liberación do chan coa escusa da recuperación económica, entre outras", salientan.

"Non podemos esquecer que o medio ambiente nos dá sustento como especie e que se enferma ou perde as actuais e cada vez máis minguadas condicións de habitabilidade, os seres humanos seremos os que suframos as consecuencias en primeira persoa, na nosa saúde, a nosa calidade de vida, a nosa economía", indican dende a organización.

No seu comunicado a prensa, din que botan de menos que as noticias climáticas abran telexornais ou ocupen titulares en primeira páxina, que ante as inundacións a os incendios que están a ocorrer, se chame as cousas polo seu nome e se fale de emerxencia climática para tomar conciencia e para adoptar solucións.

"Se algo nos ensinou a pandemia é que os problemas ambientais son globais e as súas duras consecuencias sociais e económicas tamén; que podemos anticiparnos a eles, polo menos para minimizar os seus efectos e armarnos de ferramentas para previlo", conclúen. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta