Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 22/08/2020 | Actualizada ás 18:00
O Pleno do Consello Regulador acordou, coma en anos anteriores, a contratación de vedores -inspectores- para a vendima deste ano a través dunha empresa de traballo temporal e aprobou as normas para estes e tamén para as adegas e explotadores.
O presidente do organismo, José Luis García Pando, agarda que “a colleita sexa, un ano máis, óptima tanto en cantidade coma en calidade da uva, porque o estado fitosanitario das vides é moi bo”. Neste sentido, a previsión é que se poidan superar “os seis millóns de quilos de uva recollidos” nunha campaña que "durará entre seis e oito semanas”.
Dende o C.R.D.O. Valdeorras instanse a adegueiros e viticultores a estar vixiantes e a cumprir os diferentes protocolos que as autoridades sanitarias dictaminen en relación á realización de traballos agrarios para “garantir a seguridade e saúde de todos as persoas que realicen tarefas de recollida e procesado da uva".
García Pando insta aos membros do sector vitivinícola valdeorrés a obter información a través do Consello Regulador para aclarar calquera dúbida que se lles poida presentar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.