Concellos da Coruña intensificarán a vixilancia en parques e praias descartando o seu peche

A este respecto foi preguntado o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen avisa de que "cada administración é responsable" das súas decisións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2020 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

Concellos da comarca da Coruña descartaron o peche de parques e praias, de doce da noite a seis da madrugada, unha recomendación que trasladou a Consellería de Sanidade o luns e que recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG).

"Non se fará", sentenciaron desde o consistorio herculino. "Xa se está facendo desde a volta á normalidade, vixiando as praias, parques e xardíns con cámaras e axentes para evitar reunións e botellóns", recalcaron a este respecto. Ademais, situaron estas actuacións no "cumprimento" das medidas.

En similares termos pronunciáronse desde outros concellos. "Non é viable", resumiron desde Culleredo, do que aseguraron que o paseo marítimo deste municipio "é en si un parque, non hai forma de poder pechalo".

Con todo, dixeron que van trasladar esa recomendación á cidadanía, ademais de reforzar a vixilancia. Na mesma liña, exprésanse outros municipios que confirman que non van adoptar esta medida.

Este é o caso de Carral, no que aseguran que non pecharán parques ao non contar "con espazos grandes nos que poidan facerse botellóns ou espazos similares" e ratifican, como fan tamén desde Abegondo, que o que farán é intensificar o control e a vixilancia.

SEN INCIDENCIAS

Á súa vez, en Cambre sinalan que non están a rexistrar incidencias vinculadas co botellón porque o que non cren que sexa necesario pechalos "e impedirlle a alguén, por exemplo, que queira pasear por esas zonas de noite". Como outros municipios, que na reunión do luns expuxeron, en todo caso, que, de ter que levar a cabo, a Xunta fixese unha norma, inciden en que seguirán mantendo a vixilancia policial.

No caso deste concello, este xoves anunciou que suspende os programas municipais culturais, deportivos, xuvenís e educativos que ían comezar en setembro e lembra que as medidas de prevención impostas polo DOG "provocan que estas actividades non se poidan realizar garantindo as condicións e garantías sanitarias".

"Imos seguir controlando", asegurou, á súa vez, o alcalde de Sada, Benito Portela, quen apostilou que non cambiarán algo que está "a funcionar" dixo sobre a vixilancia que se fai por parte da Policía. "Salvo que fose unha orde expresa ou unha prohibición", engadiu.

Desde este concello como desde Culleredo, confirmouse que se lle trasladou, desde a Xunta, xa na reunión do mércores, que están a elaborar un informe xurídico para determinar "de quen é a competencia" sobre a tramitación das sancións que se impoñen.

E é que esta é outra das cuestións nas que xurdiron discrepancias, segundo precisaron os municipios consultados, que explicaron que un informe da Avogacía do Estado "conclúe que debe ser a Administración autonómica quen as tramite"

POSICIONAMENTO DA XUNTA

A este respecto foi preguntado o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen avisa de que "cada administración é responsable" das súas decisións.

A preguntas da prensa nun acto en Sanxenxo  pola negativa dalgúns municipios da Coruña a pechar parques e praias de madrugada, Rueda dixo que o comité clínico actúa fronte á pandemia, polo que todas as administracións "teñen que ser responsables".

"Se ven que se poden gardar as garantías sanitarias sen necesidade de facelo (o peche), esa é a súa responsabilidade", sostén. Lembra que "non se trata de amolar a vida a ninguén" con estas recomendacións por parte da Xunta, á vez que insiste en que cada administración "ten responsabilidades e competencias".

Parques infantís pechados na Coruña antes da nova normalidade. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo
Parques infantís pechados na Coruña antes da nova normalidade. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta