Por vez primeira

Eu non sei se é certo que xa non se pode falar de loita de clases. Eu non sei se é certo que o mundo xa non é aquel que describiu Marx e que conseguiu explicar meridianamente ben en termos de dialéctica de intereses e de necesidade de superación das contradicións inherentes ao sistema. Eu xa non sei se é así ou non é así ou é pero non é ou era e xa non é ou nunca foi. De feito, xa non sei nada.

Por Francisco Castro | Vigo | 25/03/2013

Comparte esta noticia
Mais si que sei que o outro día lin unha cita de Noam Chomsky na que expresaba que, por vez primeira na historia da sociedade industrial, as condicións de vida dos traballadores son máis duras a cada ano que pasa e son peores en cada novo exercicio. Ou dito doutro xeito: que ata o de agora, neste xa longo camiño percorrido pola sociedade industrial (capitalista, consumista...poñédelle o vestido que vos apeteza poñerlle a este xeito de vida e de organización política -no máis amplo senso da palabra- no que estamos), hai un obvio retroceso. Un paso atrás.
 
É a primeira vez.
 
E como de primeiras veces estamos a falar, podemos engadir que é a primeira vez que na historia da democracia somos moitos os que temos sensación de que a nosa democracia así como que moi democrática non che é, ou que é a primeira vez que desconfiamos, ata o pánico, do sistema bancario, da súa solvencia e da súa honradez, ou que é a primeira vez que vemos aos gobernos, os de aquí e os de acolá, máis pendentes de satisfacer ao propio sistema (Saturno devorando aos seus fillos: eses somos nós) que as necesidades das persoas, ou que é a primeira vez que vemos que hai que pagar polas receitas na farmacia (a pesar de que xa as pagamos dabondo a través das nosas contribucións e os impostos), ou que é a primeira vez que se nos cuestiona a posibilidade de, o día de mañá, cobrar a pensión.
 
Moitas primeiras veces.
 
Demasiadas.
 
O cal é unha parvada porque, por definición, unha primeira vez é única.
 
E aquí vanche moitas seguidas.
 
Daquela, insisto, eu non sei se debemos seguir entendendo o mundo como un lugar onde uns poucos privilexiados (e que como grupo sustentan o seu privilexio no abuso sobre o resto das persoas que non pertencen a ese grupo) viven caralludamente mentres o resto deixamos a pel para vivir cun mínimo de dignidade, mais, o que si parece certo é que por primeira vez nos están a deixar claro que estamos desherdados, tirados, á nosa sorte e sen moito futuro máis ou menos esperanzador.
 
Daquela, teremos que ver de atopar a ocasión de, por primera vez, facer algo que o poña todo patas para arriba.
 
Unha primeira vez que sexa definitiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro