O Concello de Ferrol incrementará o número de monitores en comedores escolares

O rexedor ferrolán incidiu en que o obxectivo que se marcaron desde o seu goberno "é pór todos os medios para xestionar os comedores dos centros escolares da forma máis segura posible, sen custo algún para as familias".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2020 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), confirmou este xoves que o concello incrementará o número de monitores nos comedores escolares deste municipio, para poder desta maneira aplicar un protocolo que foi elaborado pola administración local en colaboración coa empresa encargada de ofrecer este servizo e a comunidade educativa, ante as restricións impostas a causa do coronavirus.

Segundo Mato, esta normativa recolle o establecido polo Goberno da Xunta neste ámbito e, ademais, inclúe medidas como "incrementar o número de monitores nos comedores" en función do volume de alumnos usuarios.

O rexedor socialista incidiu en que o obxectivo que se marcaron desde o seu goberno "é pór todos os medios para xestionar os comedores dos centros escolares da forma máis segura posible, sen custo algún para as familias" e deste xeito "protexer aos escolares na súa volta ás aulas".

Ángel Mato destacou que, desde a Concellaría de Educación, traballouse "coas direccións dos colexios desde hai dous meses a través de cuestionarios individuais sobre necesidades e intereses, así como dos espazos que cada centro posúe para servir os almorzos e xantares, con total seguridade". Isto non suporá ningún custo para as familias, xa que será o concello o que asuma os sobrecustos.

Segundo o protocolo, ademais de utilizar hidroxel á entrada do comedor, cada alumno disporá do seu espazo fixo, que será sempre o mesmo, con entradas e saídas graduadas e dependendo do volume de usuarios contémplase o desdobre do servizo en dúas salas. Ademais, tamén se previu intensificar as tarefas de limpeza e desinfección destes espazos.

Rolda de prensa en Ferrol.
Rolda de prensa en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta