Asociacións galegas de venda ambulantes reclaman que os concellos retomen os mercadiños

Dirixiranse a todas as Administracións cun acordo unánime para un sector moi afectado pola crise.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2020 | Actualizada ás 21:47

Comparte esta noticia

Seis organizacións de venda ambulante a nivel galego asinaron un manifesto no que reclaman aos concellos a realización dos mercadiños. Ante o "abandono de funcións" dos municipios que "non queren" celebralos a pesar de que, desde a Xunta, "Sanidade di que se pode ampliar a superficie", os afectados urxen que se retome esta actividade "cumprindo a orde" da autoridade sanitaria."Deciden non autorizar un mercadiño ao aire libre pero si se pode comprar nun supermercado", criticaron.

A Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, a Asociación Galega de Vendedores Ambulantes, a Asociación Profesional de Comercio Ambulante de Galicia, a Asociación de Mercadores Ambulantes de Vigo, a Asociación Única de Vendedores Ambulantes da Coruña e a Asociación de Vendedores Ambulantes do Morrazo lamentaron en Pontevedra a "falta de interese" non só das administracións locais, senón tamén do Goberno Central, o Executivo autonómico e as Deputacións cara a este sector, lembrando que se trata dunha "actividade económica rendible e sustentable" pero que, a consecuencia da pandemia, foi "un dos máis duramente golpeados".

Así, acusaron de "populismo barato" ao 80 por cento dos responsables municipais, con excepcións como Pontevedra, Tui, Pontecaldelas, Redondela, Marín, Sanxenxo, Rianxo, Xinzo, Ourense e Ribadavia onde "se fan as cousas ben", afirmou o presidente da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, Iago Vázquez.

Ademais de apelar á "comprensión e a axuda" dos dirixentes públicos, acordaron --"por primeira vez, todos unidos", destacou Vázquez-- unha batería de medidas que trasladarán a todas as Administracións a pesar de que xa mantiveron moitas reunións "e todo quedou de lado".

Argumentando que as vendas foron "nulas" debido á "suspensión de moitos mercadillos" e que a súa situación é de "ruína", demandaron ao Goberno Central que se reactiven as axudas por cesamento de actividade e se lle recoñezan enfermidades profesionais como a artrose e as doenzas lumbares, xunto coa aplicación dun coeficiente reductor para a idade de xubilación.

Entre as propostas dirixidas á Xunta figura a elaboración dun protocolo para a desinfección de furgóns antes do acceso ás feiras, habilitar corredores de entrada e saída, elaborar un estudo de risco comparativo entre mercadiños e actividades en recintos pechados, e activar axudas para a compra de mercadoría.

"Atopámonos cun stock importante da mercadoría de verán", explicaron, polo que carecen de "liquidez suficiente para investir" debido á suspensión moitas feiras. Desde o punto de vista impositivo, tamén reclamaron unha bonificación do seguro autónomo e que, mentres duren as restricións, Portos de Galicia condone as taxas aos concellos cuxos mercadillos se realizan en zonas do seu ámbito territorial.

Un mercadiño de venta ambulante
Un mercadiño de venta ambulante | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta