Faustino Santalices

A música tradicional galega, recollida e gardada para sempre nos seus cancioneiros por J.Pérez Ballesteros, Marcial de Adalid, Casto Sampedro, Jesús Bal e Gay, Marcial Valladares, Xoaquin Lourenzo, D.Schubarth e Antón Santamarina, son de seu fortalezas seguras nas que atopou acubillo para sempre a lingua galega, a carón doutras construídas polo munumental arquivo musical de Cantigas e Agarimos e outras agrupacións semellantes.

Por Xosé Glez. | Vigo | 15/09/2020

Comparte esta noticia

De idéntica importancia foron as memorias  de anónimos galegos e galegas rescatadas polo programa da TVG, “Alalá” como a de  Concepción Rodríguez, “Concha de Luneda”, que inspirou a tantos grupos musicais que se achegaron á porta da súa casa na procura de información musical que ela atesourou  desde ben nena deica a súa morte, agora que se cumpre o seu primeiro cabodano.

Vén a conto esta introdución, porque hai sesenta anos que tamén faleceu Faustino Santalices, a figura máis senlleira da nosa música tradicional. Tamén el se adicou a recoller dos beizos de personaxes anónimos o cancioneiro que cantaban en ámbitos privados. Pero polo que Faustino Santalices será sempre lembrado é polas innovacións feitas na zanfona e na gaita galega, que aprendeu a tocar polas clases que lle dera o famoso gaiteiro de Penalta a quen inmortalizou Curros Enríquez.

Este ano a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que  dende hai ben tempo vén convocando a campaña das Mil Festas Máis para a Lingua Galega, dedicoulle un acaído  documental  (www.galeguizargalicia.gal.). O mestre gaiteiro Xaquín Xesteira, o zanfonista Anxo Pintos e o mestre artesán Anxo Corral son os protagonista deste documental que en menos dunha semana acadou a significativa cífra  de  dezaoito mil reproducións, debullando nel os grandes méritos do excepcional musicólogo.

A figura de Faustino Santalices recuperámola por volta do ano 2002 coa celebración de diversos actos e un congreso que tivo como escenario o mosteiro de San Rosendo de Celanova onde estudou as primeiras letras cando os Escolapios rexían aquel centro. Medio cento de músicos (algúns chegados alén do Padornelo) interesados no coñecemento da zanfona acudiron a el para estudaren este instrumento e as posibilidades que ofrecía como solista ou acoplado a unha formación ampla como hoxe  fai a orquestra de música folk e tradicional de Galicia  SonDeSeu.

Faustino Santalices deixounos unha mostra amplísima do seu repertorio en gravacións discográficas, acompañado por este instrumento que atopara por casualidade dentro dunha artesa nunha aldea do seu Bande natal. Grazas ás innovacións que lle incorporou pasou de ser un instrumento desacreditado, co que se facían acompañar os cegos nas feiras e romaxes, a ter os rexistros e esplendor de noutrora cando era habitual escoitalo nos salóns pacegos, como así nolo recorda o Portico da Gloria onde quedou petreamente inmortalizado.

Daquelas xornadas de recuperación da memoria de Faustino Santalices quedou unha peza do disco de Milladoiro,”O niño do sol”, concretamente o “Alalá das Mariñas”. A voz de Faustino Santalices, debidamente remasterizada, foi incorporada á versión que fixera o grupo musical daquela célebre cantiga.

Como corolario daquelas datas, o concello de Bande nomeárao fillo predilecto a título póstumo. Agora, moitos anos despois, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vén de propoñerlle ao concello que inicie os trámites para solicitar da Deputación Provincial que o nomée tamén fillo predilecto. Agardamos que con tal motivo Faustino Santalices teña a oportunidade de ser mellor coñecido polas  novas xeracións, sobre todo nunha provincia de tanta tradición gaiteiril, e  ademais porque o personaxe é merecente de tal recoñecemento.

A música tradicional é un elemento determinante da nosa identidade. De feito a lingua galega permaneceu viva no cancioneiro popular durante un longo período de proscricións, reducida  a reductos familiares e coloquiais. Mais axiña que tivo vento nas velas coa chegada do proceso democrático, foi a  primeira en subir aos escenarios nas prazas e escenarios públicos para deixarse escoitar. A partir de aí  colleu pulo e recuperou algúns espazos perdidos.

Faustino Santalices dignificou a nosa música tradicional coas innovacións que lles fixo á zanfona e á gaita, ambos os dous instrumentos que simbolizan  a nosa identidade nacional.
 

Faustino Santalices
Faustino Santalices

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA