Concentración silenciosa para denunciar quendas de 24 horas seguidas na vaga de lumes en Ourense

Persoal técnico de incendios forestais pide uns servizos públicos e de calidade na loita contra o lume.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O persoal técnico de incendios forestais da Consellería de Medio Rural levou a cabo este mércores unha nova concentración ante a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, despois de 47 días de folga, que se desenvolveu en silencio para denunciar as condicións nas que se traballa na vaga de lumes da provincia de Ourense.

Nesta ocasión o acto de protesta foi realizado en silencio co fin de mostrar o seu apoio a todo o equipo de profesionais que traballa na extinción de incendios forestais "loitando contra a outra pandemia que ten Galicia, que é os incendios forestais", e que "acaba de mostrar unha vez máis a súa cara máis virulenta na provincia de Ourense".

Por este motivo o persoal técnico de incendios forestais modificou a xornada reivindicativa do seu 'Mércores Verde' na provincia de Pontevedra e reclama "un cambio de organización máis eficaz, máis adaptado á realidade actual e, especialmente, máis seguro".

José Manuel Araújo, técnico forestal do distrito 19, pediu aos responsables da Consellería do Medio Rural que manteñan un encontro cos representantes sindicais para avanzar nestas demandas. Araújo indicou que estes técnicos teñen gardas de oficina desde as 8,30 ás 20,30 horas pero que, en casos como o que se rexistra estes días en Ourense, as xornadas alónganse 24 horas, polo que consideran urxente dispor de máis persoal para facer fronte a todo o traballo, tanto nas oficinas como nos montes.

Na mobilización deste mércores insistiuse na necesidade dunha revisión de todo este sistema organizativo porque, entenden, que se demostrou durante todos estes anos que non é eficaz. Os sindicatos convocantes desta folga --UGT, CCOO, CSIF e CIG-- critican que a Consellería desatenda as chamadas ao diálogo por parte dos seus traballadores e denuncian que a administración trata de impedirlles o exercicio do dereito a folga.

Persoal técnico de incendios forestais concéntrase en silencio en Pontevedra.. SINDICATOS
Persoal técnico de incendios forestais concéntrase en silencio en Pontevedra.. SINDICATOS | Fonte: Europa Press

LUMES

Por outra banda, son nove os incendios forestais que continúan activos e sen control na provincia de Ourense, aínda que a Consellería do Medio Rural destaca no seu último comunicado que estes lumes, entre os que se inclúen algúns que pasan o milleiro de hectáreas calcinadas, evolucionan de forma "favorable".

En total, segundo as últimas estimacións ofrecidas pola Administración autonómica, os 16 incendios pendentes de extinguir na provincia de Ourense queimaron xa máis de 9.000 hectáreas.

Deles, nove seguen sen control, aínda que a súa evolución é "favorable". Os máis grandes sitúanse na parroquia de Sabuguido de Vilariño de Conso (2.000 hectáreas desde a madrugada do domingo), en Río Caldo de Lobios (outras 2.000 hectáreas desde a tarde do sábado) e nos dous lumes que seguen activos en Cualedro (ambos na parrouqia de Montes con 1.300 e 80 hectáreas afectadas, respectivamente).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta