A USC lembra a primeira lección en galego da súa historia cun premio á defensa da lingua

O catedrático de Historia de Educación Antón Costa Rico foi o agraciado desta edición polo seu "traballo incansable" na dinamización do idioma.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Era o 16 de setembro de 1915 cando Lois Porteiro Garea, profesor de Dereito Civil e membro das Irmandades da fala, pronunciou no Paraninfo da Universidade de Santiago a primeira lección en galego da que se ten constancia. Hoxe, 105 anos despois, e na mesma sala, o reitor da institución centenaria outorgaba, por terceiro ano consecutivo un premio co seu nome para recoñecer a contribución á promoción da lingua no seo da universidade.

Paraninfo da USC
Paraninfo da USC | Fonte: Santiago Turismo

O agraciado nesta edición do premio Luís Porteiro Garea foi Antón Costa Risco, catedrático e Historia da Educación. Costa Risco recibiu o galardón polos "moitos méritos alcanzados" na súa longa traxectoria, definida por "un traballo incansable por prestixiar a lingua", segundo o seu coelga José Antonio Caride Gómez. 

O propio Costa Risco recoñeceu a súa “teimosía na defensa da lingua e da cultura” para logo facer un repaso por toda a súa traxectoria profesional e persoal en prol do galego. O galardoado destacou a importancia de que dende a Universidade se promovan iniciativas para fomentar a produción científica en galego. O reitor, pola súa parte, destacou “os moitos méritos alcanzados” na longa traxectoria do galardoado cun premio que distingue a “quen moito ten feito pola lingua”.  

RAZÓNS DO XURADO

O xurado xustificou a escolla de Costa Risco atendendo ás súas responsabilidades institucionais como decano da Facultade de Ciencias da Educación, director do Instituto de Ciencias da Educación, presidente da Sociedade Española de Historia da Educación. Á parte, indican fontes da universidade, tívose en conta o seu continuado labor de elaboración, coidado e promoción do patrimonio escolar e educativo ou a sensible e activa implicación na renovación pedagóxica a través do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega nunha primeira etapa e posteriormente coa Nova Escola Galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta