O Banco de España rexeita unha reclamación con 124.000 sinaturas contra as comisións de Abanca

O Sindicato Labrego denuncia a complicidade do Banco de España con estas prácticas e di que "lexitima un engano".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/09/2020 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

O Banco de España desestimou a reclamación contra as súas comisións abusivas tras a reclamación interposta por unha das afectadas, Yolanda López, avalada con máis de 124.000 sinaturas e apoiada polo Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga)

Logo de Abanca. ABANCA
Logo de Abanca. ABANCA

 

Nunha resposta por escrito a Yolanda López, o Banco de España rexeita a reclamación de comisións abusivas acolléndose ao artigo 18.1 da Lei 7/2012 sobre resolución de litixios en materia de consumo. Este di no seu apartado b) que se desestimará “se a reclamación resultase manifestamente infundada ou non se apreciase afectación dos dereitos e lexítimos intereses do consumidor”.

 

Tamén alude a que a Comisión Nacional do Mercado de Valores valida igualmente o rexeitamento das reclamacións cando “non se refiran a operacións concretas”. Neste senso, o Banco de España argumenta que a reclamación persoal de Yolanda xa foi atendida por Abanca e que, polo tanto, non aprecia incumprimentos da normativa de transparencia e protección da clientela nin das boas prácticas. A maiores, desestima tamén a petición de que deixen de aplicarse as comisións abusivas escusándose en que a acción do Banco de España non pode estenderse “a feitos futuros con respecto á reclamación presentada”.

 

CRÍTICAS DO SINDICATO LABREGO GALEGO

 

Nun comunicado, o Sindicato Labrego Galego di que esta resposta "é indignante", xa que lexitima "todos os abusos que cometeu Abanca coas súas comisións e que ficaron sen resolver por non existir reclamación". Así, lembra que hai moitas persoas afectadas que non reclaman por non ter que "iniciar un enleado proceso burocrático para o que non toda a xente ten o tempo libre necesario ou, simplemente, porque non saben como facelo".

 

"Ademais, tamén lexitima un engano, pois moitos e moitas clientes abriron no seu día unha conta en Abanca, precisamente, porque non lles cobraban comisións por facelo ou por mantela aberta; e tamén lexitima a impunidade dunha das partes, a máis poderosa, para modificar unilateralmente unha relación contractual ao seu favor sen que teña a máis mínima consecuencia", engade.

 

Finalmente, o SLG critica que Abanca opera en amplas zonas de Galiza en "réxime de monopolio, o que favorece a súa posición de abuso. Cómpre ter en conta que Abanca está presente en 274 concellos. "Nestes 121 concellos rurais, as vítimas das súas comisións non teñen alternativas bancarias para zafarse do abuso", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Cómpre publicar os protocolos a seguir para que a xente faga as RECLAMACIÓNS polo ROUBO dos seus cartos (?) Pero sen dúbida esta política de concentración bancaria levará cada vez a un maior abuso nas commisións bancarias ! Non pagan un can polos cartos e por riba nolos rouban pola cara ! Igual é o momento de iniciar un contraataque democrático! Os concellos poderían cobrar taxas aos bancos por situar os caixeros na vía pública (?) Esas taxas poderían tentar compensar o roubo en comisións e devolver os cartos á cidadanía ! Cada caixeiro na vía pública debera pagar 10.000 €uros ano! Pero tampouco nesta ocasión nos farán caso ... https://twitter.com/00Gamela/status...

2 Xesús Ateo Recalcitrante

Normal que o BdeE rexeitara a reclamación. Que ía facer, senón, unha entidade delegada do organismo europeo servidor dos intereses dos banqueiros como é o Banco Central Europeo? Ou é que alguén pensaba que o Banco de España está para servir os intereses do conxunto da cidadanía española? Amais está presidido por un ultraliberal dereitoso!

1 Courelois

Perdín algún tempo pero agora opero ca Caixa Rural. Que lle den ó venezolano e ó seu amigo narcopresidente. E xa convencín a varios familiares e amigos que andan no proceso.