Ferido o condutor dun camión tras saír da vía en Trasmiras

Foi necesaria a interrupción do tráfico nesa estrada, dirección Ourense, para facilitar o traballo dos servizos de emerxencias.

Por E.P. | OURENSE | 23/09/2020 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

Os Bombeiros de Xinzo liberaron este mércores ao condutor dun camión que quedou atrapado tras sufrir un accidente de tráfico en Trasmiras.

Segundo a información do 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 13,00 horas do mediodía na A-52, cando o camión saíu da vía, envorcou e caeu por un terraplén.

Ata a zona desprazouse persoal sanitario do 061, así como efectivos dos Bombeiros e a Garda Civil de Tráfico. Ademais, tamén acudiron os Bombeiros de Verín que, tras liberar ao home, axudaron aos compañeiros de Xinzo na evacuación do ferido ata onde o esperaba o persoal médico da aeronave que os servizos sanitarios desprazaran ao lugar dos feitos.

Con todo, foi necesaria a interrupción do tráfico nesa estrada, dirección Ourense, para facilitar o traballo dos servizos de emerxencias.

Os profesionais do parque comarcal de Xinzo comunicaron ao 112 que, cando estaban a excarcerar ao ferido, produciuse unha vertedura de combustible procedente do vehículo e chegou a un regato próximo. Por iso, deron aviso á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ao persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Policía Nacional. Do mesmo xeito, foron informados os axentes do Seprona, que tamén se desprazaron ao lugar para valorar a magnitude da vertedura.

O servizo de bombeiros da Coruña incorpora un sistema de comunicacións digit. CONCELLO DA CORUÑA
O servizo de bombeiros da Coruña incorpora un sistema de comunicacións digit. CONCELLO DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta