Están seguras as persoas que traballan en recollida e reciclaxe de residuos fronte a COVID?

A pandemia por coronavirus cambiou mesmo a contorna da recollida e reciclaxe. Case todos os espazos imaxinables están inzados de máscaras cirúrxicas ou FPP2. Tamén hai unha certa rebaixa na recollida de residuos da hostalaría. Por outra banda, os traballadores e traballadoras da recollida aplican tamén protocolos para evitar posibles contaxios. Están protexidas as persoas que traballan neste sector?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/10/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

A COVID afecta tamén á recollida e reciclaxe de residuos en tanto que pode provocar, se se dan as circunstancias, un colapso deste servizo  e deixando toneladas de refugallos sen retirar. O colapso, sobre todo en cidades, sería notorio ademais de que agravaría os problemas relacionados coa saúde. Desta maneira, empregados e empregadas dos servizos de recollida e reciclaxe de lixo, están tamén nunha posición de primeira liña debido á súa exposición a material perigoso e traballo en equipo que pode acelerar o contaxio do virus. Ademais, como é un traballo por quendas, os movementos de saída e entrada en instalacións das empresas tamén é outro factor de risco engadido á seguridade laboral deste colectivo.

Recollida de lixo
Recollida de lixo

SERVIZO ESENCIAL

A recollida de lixo e material de reciclaxe podería deixar a porta aberta aos contaxios do colectivo de traballadores e traballadoras segundo as previsións máis pesimistas. A empresa Urbaser en Santiago de Compostela analizou co comité de empresa que “de 150 traballadores en seis meses puido haber algún caso ou brote, mais non houbo”. Urbaser realizou cambios nas súas quendas para evitar aglomeración de traballadores.

O mesmo fixo COREGAL, empresa que traballa a recollida e reciclaxe de papel e cartón. “Ampliamos os horarios de entrada e saída para que fosen escalonadas, así evitabamos a concentración de persoas”. Por outra parte, a empresa aumentou a capacidade de ventilación do lugar de traballo para evitar dentro do posible a transmisión do virus.

O labor de recollida e limpeza de rúas implica o uso de ferramentas e vehículos que agora son desinfectados ao comezo e ao final da xornada. “De momento non houbo casos, quero dicir que a incidencia da COVID entre o persoal de recollida é case nula” din de Urbaser. “Tivemos un caso de contaxio na casa, un traballador que percibiu os primeiros síntomas, chamou e estivo de corentena” din desde COREGAL.       

“Nós estabamos entre os denominados servizos básicos esenciais, por tanto non perdimos un só día de traballo” din de Urbaser. O mesmo aconteceu con COREGAL que “estabamos habituados ao uso da máscara polo risco biolóxico do noso traballo”. Mesmo os condutores de camións de recollida teñen que levar agora máscara FPP2.
          
RESIDUOS

Un dato que apuntan desde Urbaser é a baixada da cantidade de residuos que se apañan estes meses. “A baixada do turismo, o que non haxa tanto estudante como outros anos, a hostalaría non crea tanto residuo, mais tampouco é unha cantidade destacable”. Por outra parte, COREGAL sinala que no seu caso, “por traballarmos con cartón e plástico, temos que deixar ese material en corentena para evitar o risco do virus, así o cartón é almacenado 42 horas e o plástico 72 horas”.

Aínda así, houbo un incremento de residuos relacionados coa pandemia, como luvas, máscaras e outro tipo de material ligado á prevención e o tratamento. Segundo SOGAMA, ante a saturación das instalacións que xestionaban estes refugallos en Galicia e debido a unha elevada produción consecuencia do Covid-19, “o SERGAS solicitou a cooperación desta empresa pública (SOGAMA) para que estes materiais recibisen ao mellor tratamento posible”.

Por tanto, aínda que houbo unha lixeira caída na recollida diaria de lixo segundo apunta Urbaser, a acumulación de residuos médicos elevouse de tal maneira que o Goberno central enviou instrucións sobre o tema. Os ministerio de Sanidade e Transición Ecolóxica barallaron “dúas opcións” que consistían en valorización enerxética ou vertedoiro. SOGAMA, segundo o documento enviado a Galicia Confidencial, deu preferencia á primeira. De momento, a produción e valorización de residuos sanitarios parece estar en proceso de redución.

PCRs ENTRE TRABALLADORES

“Ata o momento ían tres traballadores en cabina dentro do cambión, agora van dúas persoas, outra vai detrás en furgoneta” sinala Urbaser. “Medidas coma esta non veñen para quedarse, non ten sentido levar dous vehículos cando pode ir un, o que si podemos dicir é que o 99% das horas traballadas fanse como sempre”. Isto foi confirmado por un dos traballadores de Urbaser.

As medidas de prevención non sempre son abondo para frear o contaxio, un exemplo serían as persoas asintomáticas que poden esparexer o virus. As probas PCR son, polo momento, un dos mellores sistemas de detección da COVID. Preguntamos a un dos traballadores de Urbaser sobre este tema e a súa resposta foi que “non nos están facendo esas PCR, falamos coa empresa e deben ser cartos, e ata o día de hoxe insistimos para facer esta PCR”.

Urbaser contestou a isto que "desde a mesma Mutua aseguradora non se recomendou aplicar PCR como método preventivo". A proba que si lle foi recomendada a Ubaser foi a proba serolóxica. "Tivemos un caso que fixo dúas PCR que deron negativo, á tercerira deu positivo, xusto antes de incorporarse despois das vacacións".

Desde COREGAL apuntan que tampouco se fixeron probas PCR de maneira preventiva. “A Xunta si fixo PCR cando si houbo un caso de contaxio no fogar, estas probas só se fan cando existe un risco alto de contaxio” din desde esta empresa.

Os e as traballadoras de recollida e reciclaxe de residuos tamén afrontar a COVID con medidas extraordinarias de prevención. Eses mesmos cadros de persoal segundo as súas empresas, non teñen unha incidencia determinante da pandemia entre eles, non obstante, parte do persoal pide a aplicación de PCR para unha maior seguridade dentro dos centros de traballo. Polo momento, a incidencia do coronavirus entre o sector da recollida e reciclaxe non parece ser maior que noutros ámbitos laborais.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta