Por Galicia Confidencial | Narón | 08/10/2020 | Actualizada ás 09:00
María Jesús Otero é titular de dúas explotacións de vacún de carne en Narón. Ten unha granxa de reprodutoras, na parroquia de San Xiao, na que cría as vacas nutrices; e un cebadeiro para os xatos na parroquia de Castro. A causa dun positivo por tuberculose bovina na granxa de reprodutoras en marzo, a Consellaría de Medio Rural acabou ordenando o baleirado sanitario desta, co sacrificio total de cinco vacas, e a súa inmobilización xunto coa do cebadeiro.
"Ambas instalacións seguen hoxe en día inmobilizadas e María Jesús leva medio ano sen poder exercer a súa profesión como gandeira, co gravísimo prexuízo económico que isto lle está a causar", denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG) nun comunicado. A gandeira decidiu levar a súa situación ante a Valedora do Pobo.
A gandeira leva tres meses agardando a resposta da Consellaría de Medio Rural en relación co baleiro sanitario, sen éxito, ao tempo que cada día que pasa, di, agranda as perdas económicas. A finais de xullo pediuse por última vez o levantamento da inmobilización, tamén sen resposta.
Denuncia que se lle teña inmobilizado tamén o cebadeiro, cando está a tres quilómetros da granxa de reprodutoras e nunca tivo problemas sanitarios de ningún tipo, manténdose ademais illado da explotación de reprodución. María Jesús Otero pide tamén unha xuntanza coa Valedora para poder explicarlle persoalmente "os agravios que está a sufrir por mor dunha máis que reprobable falta de transparencia administrativa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.