Rajoy defende moitas das medidas económicas do Goberno de Sánchez, pero avisa sobre o gasto público

"Gastar demasiado vale para un ano ou vale para dous, pero ao final xera débeda, desconfianza e perda de riqueza", alerta

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/10/2020 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, avisou dos riscos da "barra libre" no gasto público por parte do Goberno do Estado e asegurou que "presentar unha senda de déficit" para os próximos tres anos xeraría confianza e daría "credibilidade" á economía.

O expresidente do Goberno, Mariano Rajoy (i); e o politólogo, columnista e ex vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro Rivas, durante o 'Diálogo sobre o futuro' organizado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), en Santiago
O expresidente do Goberno, Mariano Rajoy (i); e o politólogo, columnista e ex vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro Rivas, durante o 'Diálogo sobre o futuro' organizado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), en Santiago | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Esta foi unha das reflexións lanzadas polo expresidente durante a súa participación o foro 'Diálogos sobre o futuro', no que lembrou que a actual crise motivou que o pacto de estabilidade non se vaia aplicar durante os anos 2020 e 2021, un feito que pode motivar que "algúns pensen" que hai "barra libre".

Por iso, aínda que lembrou que "non é obrigatorio presentar ningún plan de estabilidade nin ningunha senda de déficit", si o faría ao considerar que sería beneficioso para a economía por xerar "confianza" e "credibilidade".

Así mesmo, asegurou que se el gobernase na situación actual iríase "expondo" un plan de saída á situación de gasto público "excepcional". "E o terceiro comentario sería: coidado co gasto de 2021", sinalou.

MEDIDAS DO GOBERNO

Todo iso nunha intervención na que se mostrou partidario de varias das medidas adoptadas polo Executivo de Pedro Sánchez como os ERTES, a liquidez e o aval do Estado ás pequenas empresas e aos autónomos ou o Ingreso Mínimo Vital.

"Con todo iso estou de acordo, pero coidado! Este ano ímonos a ir a un déficit por enriba do 10%", dixo o expresidente, quen avisou de que "cando Europa volva pedir ir a unha situación de déficit razoable á que nos comprometemos, é moi duro e moi difícil, e eu vivino", apuntou.

Rajoy tamén se referiu á recente presentación do teito de gasto e do escenario macroeconómico por parte do Goberno. "Saen unhas cifras de crecemento demoledoras, hai unhas cifras de emprego moi malas, non hai unha cifra de ingresos..., paréceme como porlle unha vela a Santa Rita", indicou.

"Si hai un teito de gasto, que supón subir o 7% o gasto respecto ao pasado, máis 25.000 millóns máis de gasto que din que van vir de Europa, máis 32.000 millóns para Seguridade Social e as administracións territoriais... É un teito de gasto que se se cumpre poderase vivir con el, pero insisto, non se pode pasar de aí de ningunha das maneiras", indicou.

"Gastar demasiado vale para un ano ou vale para dous, pero ao final xera débeda, xera desconfianza e, o peor, xera perda de riqueza e desemprego. E cando non hai emprego non se recada, e cando non se recada non hai Estado do Benestar e o país non avanza", apuntou.

REFORMA LABORAL E EUROPA

Neste contexto, e tras afirmar que, a diferenza de 2008, na actualidade "non hai crise financeira" e a económica é "un pouco máis flexible", censurou que por "puro sectarismo" se pretenda "retirar unha reforma laboral" como a aprobada polo seu goberno que foi "capital", dixo.

Por último, celebrou que na situación actual Europa "actuase" cun despregamento de fondos que cualificou de "impresionante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta