O empresario galego interesado en Thenaisie: "A Xunta ten que dicir dunha vez se o apoia ou non"

Di que non quere negociar directamente coa propietaria, o grupo romanés Scandia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 20:44

Comparte esta noticia

Alfonso Caneiro, o empresario galego interesado na compra da conserveira Thenaisie Provote --que está en concurso de acredores--, trasladou ao comité de empresa que está disposto a retomar o proxecto inicial que retirara por "inasumibles" esixencias do grupo romanés Scandia.

Segundo informa a CIG nun comunicado, as xestións deste sindicato provocaron que o empresario se reunise este xoves co comité, onde se abriu á adquisición, pero sempre que se cumpran dúas cuestións: que o seu proxecto sexa avalado pola Xunta e que non teña que negociar directamente co grupo Scandia, senón que eses contactos sexan a través da Administración autonómica.

Así, a CIG aposta por unha fronte común para salvar a compañía con plantas no Grove e Mos, polo que insta á Xunta a apoiar o proxecto do investidor galego para manter o emprego industrial.

"O seu proxecto permitiría manter tanto a actividade industrial como o volume de emprego, abrindo a posibilidade de novas contratacións no futuro, ademais de supor un freo ao actual desmantelamento do tecido industrial galego", explica o sindicato nacionalista.

Ademais, remarca que Anfaco, a patronal do sector, situouse a favor do proxecto. "Agora ten que ser a Xunta a que diga dunha vez se o apoia ou non, porque as súas xestións non deron resultado", avisa. Con este fin, solicita unha reunión entre o comité, o Igape, o empresario, o despacho Garrigues --que asesora a Scandia Food-- e Anfaco. "Nesta reunión haberá que pór as cartas encima da mesa e facer unha fronte común para salvar Thenaisie da man do proxecto de Alfonso Caneiro", apunta.

Decenas de traballadores da conserveira Thenaisie Provote concéntranse ante a Delegación Territorial da Xunta en Vigo
Decenas de traballadores da conserveira Thenaisie Provote concéntranse ante a Delegación Territorial da Xunta en Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta