O contacontos

Malia o desartellamento sistemático da televisión pública española, aínda podemos endilgar ao lonxe o saber facer da vella tribo de profesionais que se agocha trala pantalla.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 10/05/2013

Comparte esta noticia
Estou a falar de cámaras, realizadores e redactores que durante décadas conferiron dignidade á TVE. Hai pouco máis dun ano puiden pasar un día cun comando destes vellos zorros do “televexo”, desprazados a Galicia para gravaren senllos capítulos de temática arqueolóxica para o programa “La aventura del saber”. Trala xornada de gravación acordeime daqueles técnicos da produtora feixista italiana Luce ou do NODO nacionalcatólico, homes, algúns, antifeixistas de corazón, pero cun amor ao oficio polo que non renunciaban nunca ao bo acabado da reportaxe de turno, mesmo xogándolle pasadas á propia autocensura. 
 
Xente así aínda debe quedar no telediario, senón non me explico a marabilla que puiden presenciar antonte no “parte” do serán. É certo que a realidade supera á ficción, pero os cinco minutos nos que se condensou a actualidade do Reino de España, iso só pode estar feito a conciencia. O show comezou con ministros sorrintes encantados con que á imputada infanta se lle retirase a imputación. Proseguiu con finiquita de La Mancha, Dolores de Cospedal, millonaria e muller dun dadivoso donante tunante do partido, explicando aos cidadáns o beneficio a longo prazo que causa a suba de impostos para a economía española. O seguinte gag (sen tempo para que o televidente recupere folgos tras ciscarse na señora de mantilla española na Santa Sé), amósanos un socialista, Felipe González, nun sarao destes a prezo de estrela de Pop, defendendo un Borbón. Todos sabemos que a axenda de contactos do ex presidente cotiza en Bolsa e a fin de mes, Felipe pasa a minuta por pertencer a consellos consultivos de grandes empresas, asesorías e representacións varias. Pero unha cousa é iso e outra xa a desvergoña de colocarlle de fondo, no Photocall, o seguinte lema: “The best place for business”.
 
Coma un GPS, Felipe está sempre, efectivamente, no mellor sitio para facer negocios. É o que se chama Efecto Urdangarín. Este espectáculo patético dá paso á queixa española polas verbas da raíña da Pérfida Albión defendendo o dereito a decidir dos xibraltareños. A xenreira ao dereito a decidir do goberno español comeza a ser obsesiva, dende Kosovo ao Peñón, pasando por Catalunya. A seguinte nova xa me deixa definitivamente pampo: o Ministerio de Asuntos Exteriores impide a comparecencia por videoconferencia nun xulgado arxentino de familiares de vítimas do franquismo. Acto seguido aparece en pantalla unha deputada peperiana no Congreso dos Deputados guindando coma unha Víbora Seoanis veleno polo seu bico sobre as mulleres españolas que abortan. Como tivo que ser a cousa para que Celia Villalobos abandonase por un intre a disciplina de partido. Cando un segue co garfo paralizado a altura da queixada, sen probar bocado pola parálise, chega a traca final. O señor dos Peares nun acto en Barcelona, convértese nunha encarnación de F. R. Ankersmit, ao defender desta guisa as correntes narrativistas da historia: “En los tiempos que corren el Gobierno de España tiene problemas para elaborar un relato”. Feijoo devén tamén nun cid da hermenéutica, nun campión da deconstrución. Fidel seguidor das alcumadas antropoloxías retóricas, este padre Feijoo postmoderno sabe que para empregar o poder en sociedade, este ten que contar algo. O señor dos Peares sábese contacontos, falabarato de feira. El non ten problema para elaborar un relato. Xa o vexo no palacio da Moncloa, arrulando a Rajoy, emprincipiando o seu relato, a rentes do berce: “En un lugar de la ría, de cuyo nombre no quiero acordarme, no ha mucho tiempo que vivía un narco de los de batea en astillero, planeadora antigua, tabaco americano y yate corredor…”.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA