Santiago estabilízase en datos de Covid "que seguen sendo altísimos", segundo Bugallo

Denunciadas nove festas en pisos durante a última semana e unha persoa por incumprir o toque de queda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2020 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela rexistra "datos alentadores" entre o xoves e o domingo, segundo o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, quen, con todo, admite que "queda moito camiño por percorrer" para mellorar a situación da cidade ante a pandemia da covid-19.

En calquera caso, e á espera de contar cos datos deste luns, o rexedor sinalou que o índice "en que aparece máis ou menos estabilizada" a capital galega "segue sendo altísimo", de "máis de 450 casos por 100.000 habitantes". "Non dá para botar ningunha campá ao aire", comentou.

Sobre o dato deste luns, esperou "que non vaia en contradición" co dos últimos catro días, que sinalaban "certa estabilización" e "mesmo" unha redución o domingo do número de casos activos.

Ao seu xuízo, esta evolución é "moi positiva" porque desde o 6 de outubro son os primeiros números "alentadores". "Non dá para botar ningunha campá ao aire", advertiu, pero é "máis alentador iso que o que estaba a pasar en semanas anteriores, en que o índice estaba a subir un 30-40% semanal".

"Confío en que o conxunto de medidas e sacrificios impostos pola administración pública, que están a requirir esforzos, estean a empezar a valer a pena", valorou o primeiro edil.

En calquera caso, Bugallo lamentou que "segue habendo persoas que non están concienciadas", pois esta semana "denunciáronse nove festas en pisos", polo que "se seguirán tramitando as sancións correspondentes".

"DAMOS POR BEN EMPREGADOS OS SACRIFICIOS"

Respecto da reunión do comité clínico deste martes, que decidirá se continúa ou non o peche perimetral das sete grandes cidades galegas, evitou pronunciarse e anticipar decisións, pois "sería unha falta de respecto". Así, dixo que o que toca é "acatar e facer cumprir" o que determine esta reunión.

"Damos por ben empregados os sacrificios a condición de que isto reverta nunha mellora das condicións, da nosa saúde, e que permita recuperar certo nivel de normalidade ao longo deste mes", destacou, consciente de que este sacrificio ten "especial repercusión" en determinados sectores como hostalaría, comercio e cultura.

O "99% da poboación" compostelá está a cumprir as normas, posto que "denuncias por incumprir o toque de queda hai unha", e é "dunha persoa bastante peculiar, que ten máis denuncias por máis temas" e "non responde á normalidade das persoas, que está a respectar as normas relativas ao peche perimetral e ao toque de queda".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

CONSTRUCIÓN DA TERMINAL FERROVIARIA

Noutra orde de cousas, o alcalde de Santiago pediu que os orzamentos xerais do estado (PGE) "sexan aprobados" para que "non se desaproveite" a "oportunidade" que observa nos 30 millóns de euros de dotación plurianual (ata 2023) que contempla o proxecto de contas do Goberno central para a estación de tren da capital galega.

"Por primeira vez aparece o financiamento" para a construción da terminal ferroviaria, valorou o rexedor compostelán, antes de referirse a que a pasarela está "xa construída ou en proceso moi avanzado", do mesmo xeito que a estación de buses, a remodelación de Clara Campoamor e o acondicionamento das vías para adaptalas á chegada da alta velocidade, que "tamén está feito".

A día de hoxe, de acordo cos seus números, entre Xunta, Adif e Concello van investidos "algo máis de 40 millóns de euros" e o que "queda pendente" é "a propia estación do tren". Ao seu xuízo, "foi un disparate paralizar a construción da estación porque a de hoxe non reúne condicións e hai un desequilibrio inmenso co resto de infraestruturas".

En calquera caso, valorou "neste momento o salto cualitativo" que supón que por "primeira vez" no PGE "aparece dotación para construír a estación do AVE". "Queremos que esta oportunidade non se desaproveite", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta