A Xunta di que "máis de 50 persoas" se dedican en exclusiva a avaliar a eficacia de políticas públicas

Jesús Oitavén defendeu que existen elementos de control que funcionan pero "non están difundidos ante a sociedade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

A Xunta, a través do director xeral de Avaliación Reforma Administrativa, Jesús Oitavén, asegurou que un total de 50 funcionarios da administración autonómica se dedican en exclusiva a tarefas de avaliación da eficacia das políticas públicas que, ademais, son supervisadas por "cada unha" das máis de 60 direccións xerais e 70 entidades instrumentais dependentes do Goberno galego.

Díxoo en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do PSdeG Pablo Arangüena durante a celebración na tarde deste mércores da Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na que o socialista cuestionou ao responsable de Avaliación sobre os mecanismos de control e eficacia dos investimentos públicos.

"Sen control e sen avaliación de xestión da administración pública é imposible garantir certo nivel de resiliencia da economía que se mostra imprescindible en crise como a actual, provocada pola pandemia, ou pola do cambio climático", sinalou Arangüena, que acusou á Xunta de carecer de "estratexia máis aló de ir tirando ata as próximas eleccións" e dedicarse a "a produción de propaganada financiada con diñeiro público".

Na súa resposta, Oitavén defendeu que existen elementos de control e avaliación que funcionan pero "non están difundidos ante a sociedade", á vez que remarcou a existencia en Galicia de mecanismos que "poucas comunidades teñen". Deste xeito, subliñou que a Xunta leva "moito avanzado" en cuestión de avaliación das políticas públicas como reflicte o cumprimento do plan estratéxico posto en marcha no ano 2016, así como a existencia de máis de 100 plans específicos aos que pode accederse a través da web de transparencia da Xunta.

Jesús Oitavén, director xeral de Avaliación Reforma Administrativa
Jesús Oitavén, director xeral de Avaliación Reforma Administrativa | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta