Día das letras galegas, o valor da coherencia

O Día das Letras Galegas foi instituído para avivar o sentimento colectivo de galeguidade. Que se logre ou non depende do interese que lle poñan á celebración as institucións públicas e entidades culturais. A data debera servir para que o sector da cidadanía máis activo e proclive ó discurso galeguizador reafirme as súas convicións persoais na causa que motiva a celebración. Sería un erro seguir considerando que a efeméride ten como único obxectivo o espallamento das obras literarias. Fraco favor se lle fai á lingua galega restrinxíndoo ó ámbito literario.

Por Xosé Glez. | Redondela | 16/05/2013

Comparte esta noticia

Ben está que se organicen manifestacións en defensa da  lingua galega e se celebren conferencias para  exaltar as virtudes do homenaxeado. Pero máis importante é que a cidadanía  asuma de maneira consciente o galeguismo, empezando pola avangarda do movemento. Os comportamentos gregarios poden resultar perversos cando individualizadamente as persoas actúan contraditoriamente, como logo sinalaremos. Hai que trasladarlle á xente a necesidade de contar co seu decisivo protagonismo persoal  na defensa  da nosa identidade cultural. Neste sentido o maxisterio galeguizador tamén require dunha renovación pedagóxica. Temos que incentivar o protagonismo galeguizador  individual para converter a cada activista en exemplo crible para os demais.

O futuro da lingua galega non se xoga unicamente no campo da cultura. Existen outros sectores estratéxicos cos que hai que contar. A galeguización da economía é unha asignatura pendente, apenas iniciada no primeiro terzo do século pasado e interrompido  posteriormente, que o Foro E. Peinador quere pular.

As tendencias nas  políticas lingüísticas dos últimos trinta anos fixeron moito fincapé na galeguización duns sectores e no esquecemento doutros. O resultado está á vista: moitas xeracións alfabetizadas en galego  pero pouco compromiso dos cidadáns nos actos que afectan á esfera persoal en tanto consumidores, por poñermos un caso.

Os comportamentos responsables dos consumidores  poden ser decisivos. A liberdade na opción das compras pode e debe condicionar a lei da oferta e demanda. Amosar preferencia polos produtos galegos, amais de fixar poboación no rural e facer viables as explotacións e industrias de transformación, debería servir tamén para premiar aquelas marcas que etiquetan os seus produtos na nosa lingua.

O Foro E. Peinador quere trasladar ás institucións públicas e axentes dinamizadores da nosa cultura, a necesidade de estimular un proceso galeguizador máis consciente na esfera do consumo. Calquera acto social debería facerse apoiando a aqueles produtos que etiquetan na nosa lingua. A oportunidade que nos ofrecen as grandes manifestacións populares deberían ser aproveitadas para desenvolver estas prácticas pedagóxicas.

Etiquetados en galego, por favor.  Velai a resposta acaída cada vez que nos pregunten polas nosas preferenzas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA