Soberanía, si, pero traballando para crear as condicións

Nos últimos tempos algúns teiman en impor o pensamento de que non se pode ser nacionalista galego, ou o que é o mesmo galeguista, e non estar a favor de emprender con urxencia unha campaña política demandando a inmediata soberanía para Galicia; pensamento ao meu modo de ver, profundamente equivocado. Somos moitos/as os nacionalistas galegos, os galeguistas, que estamos a favor de que se lle recoñeza e se lle respete o dereito a decidir a tódolos pobos do mundo, e por suposto ao galego; que estamos a favor de que Galicia conte coas maiores cotas de decisión política, económica e fiscal, e que traballamos día a día para que, cando se den as condicións, que hoxe resulta obvio que non se dan, Galicia poida ser unha Nación soberana.

Por X.M. Pérez Bouza | Ourense | 17/05/2013

Comparte esta noticia

A nosa terra posúe case tódalas condicións para ser Nación: conta cun territorio definido, cunha cultura diferenciada e sobre todo cun idioma propio, pero fáltalle unha que non é precisamente menor, fáltalle a vontade dos seus cidadáns para ser Nación, e en canto esta vontade non exista, non sexa maioritaria, toda iniciativa política que teña como cerne a demanda de soberanía para Galicia está condenada ao fracaso, ademáis de ser unha demostración clara de que quen a plantexa e a defende non coñece a realidade do País no que pretende ser un referente político.

Comezar as casas polo tellado nunca foi unha técnica constructiva moi recomendada, a non ser que o obxectivo sexa que ésta se veña abaixo antes de poder rematala. Se o que se pretende é construir unha casa, rematala e poder habitala, calquera galego sabe, sen ser arquitecto, que as casas se comezan polos alicerces.

O exemplo da casa váleme para facer un paralelismo e poder afirmar que o camiño cara a plena soberanía de Galicia non se comeza por unha proposta de máximos que non conta co apoio da inmensa maioría dos galegos, nin tan sequera co de todos aqueles que pensan e actúan en clave de País, e incluso tampouco co de tódolos que apoian electoralmente as distintas organizacións políticas do ámbito do nacionalismo e do galeguismo.

O camiño cara a plena soberanía de Galicia empeza por crear entre a cidadanía sentimento de orgullo por pertencer a un territorio diferenciado, que non é mellor nen peor ca outros pero que é diferente, e iso supón un plus e é un auténtico privilexio que  nos pode situar na vangarda do mundo. Isto é importante pero non é suficiente: é preciso articular un forza política propia, 100% galega  que, a base de propostas serias e realistas, pouco a pouco, paseniñamente, se convirta en maioritaria tanto a nivel social como electoral, unha forza política que crea no autogoberno e que, desde a xestión das diferentes institución públicas galegas, poña en marcha iniciativas que xeren riqueza, emprego, benestar e, sobre todo, confianza entre os galegos de que Galicia pode ser unha Nación soberana.

Este é o camiño que levan percorrendo outros territorios do Estado español como Cataluña e Euskadi desde hai máis de 30 anos, territorios aos que algúns desde Galicia pretenden imitar, sen darse conta  de que vivimos en realidades sociais e políticas totalmente distintas.

Xustificar a necesidade de emprender con urxencia o camiño da soberanía no feito de que outros pobos tamén o están facendo, e dicir que acadar ésta sería a solución para tódolos problemas que padecen os galegos/as, non me parecen argumentos que aguanten un debate serio e en profundidade. No primeiro caso, polo xa dito páreceme unha estratexia equivocada e no segundo, simplemente non é certo; son moitos os países do noso entorno plenamente soberanos, Portugal, Italia, Grecia, Irlanda, … aos que a soberanía non lles está servindo en absoluto para resolver os seus problemas, que en boa medida son semellantes aos que temos en Galicia. Evidentemente, contar con capacidade de decisión política, económica e fiscal é importante, pero o que é determinante para mudar as actuais condicións que están esmagando á maioría da sociedade, é que os cidadáns lle confíen o poder e o goberno, que son cousas distintas, a forzas políticas propias, no noso caso que crean nas potencialidades de Galicia e que gobernen pensando nos intereses da maioría social. Alguén pode pensar que nunha Galicia soberana, gobernada polo PP, as cousas ían ser moi distintas ao que son, eu non; eu do que estou convencido e de que, aínda coas limitacións evidentes dos niveis de autogoberno actuais, as cousas en Galicia serían moi distintas se a nosa Nación estivera gobernada por unha forza política propia. Pero iso non se consigue da noite para a mañá, non se consigue empezando a casa polo tellado, en definitiva non se consigue con propostas de máximos, senón pouco a pouco, empezando polos alicerces, con propostas realistas, cribles, que xeren simpatía, confianza e apoio entre a cidadanía.

Por iso é absolutamente razoable que forzas políticas como Compromiso por Galicia, que cre firmemente no noso País e na intelixencia dos galegos/as, e que non é nin máis nin menos nacionalista ca calquera outra que así se defina, non se sume a unha proposta que únicamente responde a unha estratexia política partidista, que pretende acelerar un proceso que non admite présas nin atallos e que, ou se fai contando co apoio e a complicidade da maioría social, ou está condenada ao fracaso máis absoluto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Manuel Pérez Bouza Enfermeiro. Traballador do Sergas desde o ano 1992. Vinculado ao galeguismo, cultural, sindical e político, desempeñou distintos postos de responsabilidade, tanto na CIG coma no BNG. Actualmente forma parte da Executiva Nacional e do Consello Político de Compromiso por Galicia.