Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/05/2013 | Actualizada ás 11:00
O equipo que desenvolveu a xa extinta Cinnarch vén de lanzar unha nova distribución Linux chamada 'Antergos', sucesora da primeira. Liderado polo galego Alexandre Filgueira, este proxecto opensource GNU/Linux adáptase deste xeito á nova interface de usuario Gnome Shell 3.8, incompatíbel con Cinnamon, que usaba Cinnarch (Cinnamon + Arch Linux).
O equipo decidiu bautizar este novo proxecto co nome galego 'Antergos', co que queren "vincular o pasado co presente", explican.
'Antergos' segue tomando como base a distribución Arch Linux, ofrecendo máis escritorios ademais do entorno de escritorio Gnome como predeterminado. Así, o seu instalador gráfico Cnchi permite aos usuarios optar por instalar tamén os entornos Cinnamon, Xfce ou Razor-qt.
A nova distribución ten como obxectivo proporcionar un "sistema operativo elegante, moderno e de gran alcance", que á vez é "fácil de usar e moi personalizábel".
"Cada escritorio vén co mellor software para adaptarse ao seuu espírito e terás xestores de escritorios diferentes en cada entorno", explica o equipo de 'Antergos', que salienta que "ao igual que outros sistemas GNU/Linux, 'Antergos' está virtualmente libre de virus e spyware".
A primeira versión estábel de 'Antergos' xa se pode descargar e lánzase coa numeración 2013.05.12 e está dispoñíbel para arquitectura de 32 e 64 bits.
"Despois dun mes desde a última publicación baixo o nome de 'Cinnarch', estamos felices de anunciar o novo nome do noso proxecto e o lanzamento da nosa primeira versión beta ", publicou o equipo este pasado domingo.
Publicacións internacionais especializadas como PcWorld ou Softpedia xa se fixeron eco do lanzamento de 'Antergos'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.