Denuncian que a mina de Santa Comba segue vertendo augas tóxicas sobre un regato do Xallas

Leiras da contorna e o propio Xallas estarían a recibir, “con toda probalidade”, metais pesados. Ecoloxistas aseguran que a empresa non conta cunha declaración de impacto ambiental para reabrir o complexo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A  histórica mina de Santa Comba, xacemento de wolframio no século XX, volve estar de actualidade. Máis de 30 anos despois do seu peche, os movementos do Grupo Mineiro Santa Comba para reactivar a actividade mineira estarían a provocar unha drenaxe de augas acedas que podería saldarse con grave dano ambiental sobre a contorna. 

Drenaxe aceda en Santa Comba
Drenaxe aceda en Santa Comba | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Cando menos, esa é a denuncia de veciños da zona que vén de ser recollida por Ecoloxistas en Acción. Como publicou GC, a plataforma alertou unhas semanas atrás que na vella mina estaba a ter lugar o baleirado de plantas anegadas dende finais dos anos 80. A problemática, explican dende Ecoloxistas en Acción, é que estas augas conteñen “con toda probabilidade” altas concentracións den metais pesados.

En concreto, as augas drenadas poderían conter contén importantes cantidades de sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita), metais xeradores de drenaxes acedas de mina e “susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente”. Esta presenza tóxica non foi confirmada ata o momento porque, de acordo cos Ecoloxistas, os proxectos de restauración que están a ter lugar “nunca foron sometidos a avaliación de impacto ambiental”.

Deste xeito, e sempre de acordo coa versión dos feitos dos ecoloxistas, a empresa concesionaria non dispoñería de autorización ambiental para realizar a actividade. A plataforma non ten dúbidas de que a mineira non conta con permiso para o baleirado das plantas inundadas, contra o que dirixe duras críticas por consistir nunha “vertedura sen tratamento de ditas augas ao dominio público hidráulico”.

NOVA DENUNCIA

Ante estas circunstancias, a plataforma ecoloxistas vén de anunciar que os feitos foron denunciados ante o Seprona da Garda Civil. Este recurso vencéllase ós xa interpostos tanto por esta asociación como pola tamén ecoloxista Petón do Lobo. O obxectivo é impedir que estas augas residuais sigan circulando ata chegar ó regato da Braña Ancha, cara o Sur do punto de bombeo, dende onde se estarían a espallar por toda a contorna augas abaixo ata a confluencia co río Xallas.

Drenaxe aceda en Santa Comba
Drenaxe aceda en Santa Comba | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta