Memorias dun neno labrego tamén ten xa a súa versión musical

A Real Filharmonía de Galicia estrea esta obra do compositor galego-estadonidense Aaron Siebert e baseada no libro de Neira Vilas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/11/2020 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

Unha das grandes obras da literatura galega ten xa a súa versión musical. A Real Filharmonía de Galicia estrea este xoves a obra 'Memorias dun neno labrego' do compositor de orixe galego asentado en Nova York, Aaron Siebert (1996), realizada por encargo da Real Filharmonía de Galicia, dentro da súa aposta polos compositores noveis da comunidade. 

Concerto da Real Filharmonía de Galicia.. RFG - Arquivo
Concerto da Real Filharmonía de Galicia.. RFG - Arquivo

"É unha obra que se nutre das raíces musicais e culturais galegas para plasmar a miña visión persoal de Galicia vinculada ao mundo reflectido en dita novela. A dramatización musical da vida de Balbino, o seu protagonista, céntrase no carácter único da súa inocencia: unha inocencia anciá, que funde infancia e vellez a través dun certo realismo máxico. Esta dicotomía é un alicerce central da miña visión da identidade de Galicia", explica o autor.

"Quizais teña algo que ver con esta conexión especial que sinto con Memorias dun neno labrego o feito de escribir sobre Galicia desde fóra, desde América, como o fixo no seu momento Neira Vilas. A vida de Balbino é tamén a vida da miña nai, dos meus avós e da Galicia de raíces pagás que tiven o privilexio de coñecer a través da xente maior coa que crecín", engade Siebert.

O compositor sinala que a obra é "música lírica, centrada na beleza da disonancia nas distintas familias da orquestra, estruturada en varias ondas de tensión que nacen de alalás e muiñeiras, gaitas e zanfonas que culminan nun clímax que simboliza o renacer final de Balbino como adulto".

A continuación soará a obra Cantus Arcticus do compositor finlandés Einojuhani Rautavaara (1928-2016). Subtitulada Concerto para paxaros e orquestra, incorpora sons en cinta magnética de cantos de paxaros gravados preto do Círculo Polar Ártico e nos pantanos de Liminka, no norte de Finlandia.

 

As dúas obras poderanse escoitar este xove no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, ás 20:30 horas, nunha sesión que leva por título "Concerto para páxaros e orquestra".  A batuta levaraa o mestre Paul Daniel. Como todos os concertos da tempada, poderase seguir en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta