Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2020 | Actualizada ás 19:14
A Xunta ten previsto compensar a casinos e bingos no próximo exercicio para paliar as consecuencias da pandemia neste sector. Así o xustifica na lei de medidas fiscais e administrativas que chegou este luns á Cámara sobre este tributo cedido a Galicia.
En relación coas taxas sobre xogos de sorte, envite ou azar, nas modalidades de casinos, máquinas ou aparellos automáticos e bingo, establécense "bonificacións aplicables neste tributo para paliar os efectos que tivo no ano 2020 a pandemia provocada polo SARS-CoV-2".
"Ante a situación, cabe establecer un beneficio fiscal que coadxuve á situación provocada neste sector", engade a exposición de motivos sobre esta modificación, na que se sinala que o beneficio fiscal establecido calcúlase de forma homoxénea sobre o tributo devengado e "aplicarase inmediatamente no ano 2021, unha vez entre en vigor a presente lei e coas primeiras autoliquidacións que se deban presentar".
CASINOS E BINGOS, O 20 POR CENTO
No caso dos casinos e bingos, poderase aplicar unha bonificación que alcanzará o importe equivalente ao 20 por cento da débeda tributaria devengada correspondente ao período impositivo do ano 2020. A aplicación da bonificación deberá ser realizada na primeira autoliquidación correspondente ao ano 2021 que se presentarán en período voluntario, sen que poida ser negativa.
No caso de que non se poida aplicar a bonificación de forma completa por ser superior ao importe a ingresar da autoliquidación, a cantidade que reste aplicarase sucesivamente ata esgotala. E no caso de que a entidade non teña que presentar ningunha autoliquidación polo período impositivo do ano 2021, poderá solicitar a rectificación da autoliquidación na que se determinada a débeda tributaria correspondente á actividade desenvolvida no ano 2020.
MÁQUINAS, O 30 POR CENTO
Para o caso de máquinas ou aparellos automáticos, é maior a dedución e poderase aplicar un 30 por cento da cota trimestral no terceiro e catro trimestre do 2020, sempre que estivesen en situación de alta nalgún momento dese período.
Fontes da Consellería de Facenda xustificaron que estas bonificacións afectan "exclusivamente a 2021" como "consecuencia dos peches ocorridos no sector do xogo" en presente ano e defenden que "teñen natureza análoga" coas postas en marcha por outras comunidades, pero non precisaron o impacto económico da medida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.