Por GC Tendencias | Santiago | 30/05/2013 | Actualizada ás 09:00
Baixo o título de “As lambetadas de Larpeiros”, a súa autora Merchi Rodal, a habilidosa reposteira deste popular programa da Galega, reuniu neste volume publicado pola editorial Galaxia máis de setenta receitas de doces caseiros, no que non faltan os grandes clásicos galegos, como son os roscóns, biscoitos, madalenas, filloas ou cremas, ademais dalgunhas suxestións cun toque máis persoal.
Segundo explicou a autora, “quixen facer un libro no que todas as receitas resultaran fáciles e divertidas de facer na casa, cunha inspiración clara na repostería popular de Galicia, pero tamén aportando ideas e pequenos trucos para facelas aínda máis atractivas”.
Despois do éxito alcanzado polos libros de cociña do programa, asinados por Benigno Campos, moitos espectadores de “Larpeiros” agardaban a publicación das receitas de repostería, onde tiveran cabida bocados exquisitos, como o flan de arroz con leite, os pasteis de froitas, a torta de kiwi, as marmeladas, as filloas con abelás...
O libro, que foi presentado esta semana na Casa do Libro de Vigo, nun acto no que, ademais de Merchi Rodal, participaron o director do programa, Xosé Cermeño; o cociñeiro Benigno Campos, e o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, conta con coidadas fotografías do colectivo Nyxstyle.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.