O triatleta Javier Gómez Noya gaña o Premio Leixaprén 2013

Impúxose ao ciclista Gustavo César Veloso, á adestradora Pilar Neira Martínez e á futbolista Verónica Boquete nun galardón que recoñece a defensa e promoción da lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 31/05/2013 | Actualizada ás 22:26

Comparte esta noticia

Javier Gómez Noya xa ten unha nova medalla e, desta volta, non é deportiva, senón cultural. E é que acaba de ser recoñecido co Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, que nesta edición centrouse no ámbito deportivo.

O triatleta, un dos maiores referentes do deporte galego na actualidade, resultou ser o deportista máis votado polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino polo uso cotián que fai da lingua galega.

O ciclista Gustavo César Veloso, a adestradora Pilar Neira Martínez e a futbolista Verónica Boquete completaron o elenco de candidaturas propostas polo comité de selección do Premio Leixaprén.

Desde 1999

Durante o presente curso, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) coordinou por segundo ano o histórico Premio Leixaprén, que se vén organizando desde 1999 co obxectivo de premiar, desde o ensino, a persoas, entidades ou institucións que se caracterizan polo uso normalizado da lingua galega.

A principios deste curso escolar, creouse un comité de selección para que presentase candidaturas caracterizadas por unha defensa activa da lingua galega e que tivesen unha especial incidencia social, ben pola súa continuidade e eficacia ao longo do tempo, ben pola exploración de novas vías para a normalización do idioma. Desta maneira, considerando a necesidade de referentes exitosos na súa actividade ordinaria para a autoestima lingüística que precisa a sociedade, e tanto individual como colectivamente, decidiuse que o ámbito de actuación nesta edición fose o mundo do deporte.

Docentes e alumnos

O xurado do premio estivo formado polos docentes e alumnos/as dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino adscritos á CGENDL, que durante un mes puideron exercer o seu dereito a voto. Tralo reconto, o deportista gañador foi Javier Gómez Noya. O xurado tivo en conta que o triatleta, que participou nos Xogos Olímpicos de Pekín e de Londres, onde acadou a medalla de prata, e que foi campión do Mundo e de Europa en tres ocasións, utiliza o galego habitualmente en medios de comunicación, charlas e manifestacións públicas, e ten defendido publicamente o valor e importancia do uso da nosa lingua.

A entrega do galardón será feita ao longo do mes de xuño nun centro educativo de Pontevedra e consistirá nunha figura alegórica do artista Álvaro Negro.  "Desde a CGENDL querémoslle dar os parabéns públicos a todas os deportistas finalistas neste premio, e tamén a todos e todas aqueles/as que, malia aos prexuízos e a desprotección social que da nosa lingua se está a practicar desde os poderes autonómico e estatal, manteñen a dignidade de empregar a lingua propia dos galegos", apuntan os organizadores deste galardón.

Gómez Noya, na carreira a pé
Gómez Noya, na carreira a pé

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 tino

bravo por javier, grandísimo deportista e grandísimo galego ¡¡¡¡