Nova crise no empresariado galego tras a renuncia do presidente da CEG dous días despois das eleccións

É o cuarto presidente que renuncia en cinco anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2020 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

A crise no empresariado galego lonxe de pecharse, crece. O presidente da confederación de empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Díaz Barreiras, presentou a súa renuncia despois das "dúbidas manifestadas por asociados" que "pon en dúbida a legalidade" das eleccións celebradas o pasado martes.

En concreto, os asociados que se dirixiron á secretaría da CEG "pondo en dúbida a súa correcta celebración" son Asime, Cegasal, Cece Galicia e a CEP. Díaz Barreiros accedeu á presidencia tras renunciar á súa candidatura o aspirante Pedro Rey Vera cinco minutos antes de iniciar a asemblea xeral electoral de forma presencial, pero unha vez que pechara xa a parte telemática e varios vogais emitiran o seu voto.

O novo presidente da CEG, José Manuel Díaz Barreiros
O novo presidente da CEG, José Manuel Díaz Barreiros | Fonte: Europa Press

Os asociados que se dirixiron á secretaría da CEG "solicitando información do proceso electoral e pondo en dúbida a súa correcta celebración" fixérono a través de escritos asinados polos vocais representantes de Asime, Enrique Mallón; de Cegasal; por Cece Galicia Antonio Diéter Moure Areán; e pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) o seu presidente Jorge Cebreiros.

Antonio Diéter Moure, ourensán como Díaz Barreiros, foi presidente da CEG durante un breve período de tempo e presentou a súa renuncia tamén ante os conflitos internos da CEG en outubro de 2016. En novembro de 2015 xa deixara vacante o cargo o vigués José Manuel Fernández Alvariño e, tras Moure, tamén dimitiu o coruñés Antón Arias, en xaneiro de 2018.

Desde entón, Antonio Fontenla, presidente da confederación da Coruña, exercía a portavocía de forma interina, xa que ningunha persoa deu un paso á fronte en sucesivas convocatorias electorais.

ACUSACIÓNS

Na nota de prensa emitida a última hora deste xoves, a CEG apunta directamente a Cebreiros para afirmar que "apoiou persoalmente co seu voto a elección por aclamación do novo presidente".

E é que Díaz Barreiros accedeu á presidencia o pasado martes tras renunciar "voluntariamente" á súa candidatura o aspirante Pedro Rey antes de iniciar a asemblea xeral electoral presencial. Despois, ambos compareceron ante a prensa e informaron de que chegaron a un acordo á vista dos apoios que crían que ían ter cada un. O ourensán ofreceu ao vigués entrar nos órganos de goberno e este declinou pero comprometeulle o seu apoio "desinteresado".

Desde entón, en apenas 48 horas, varias asociacións expresaron o seu malestar, ante o que José Manuel Díaz Barreiros, que considera que o proceso electoral "foi democrático en todo momento e celebrado baixo as directrices da CEG", decidiu renunciar. Faino, segundo explica o comunicado da patronal, "coa finalidade de protexer a boa imaxe da institución, que está por encima dos asociados".

ESTUPOR ENTRE Os ASOCIADOS

Tras coñecerse a saída de Díaz Barreiros, a última hora da tarde deste xoves, varias fontes da CEG consultadas por Europa Press mostraron a súa sorpresa e estupor.

Así, as mencionadas fontes aseguraron non entender nada e destacaron o estraño do actual escenario, ademais de lamentar que o proceso empezou mal e de aí este desenlace.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

O único que parece EVIDENTE é que os empresarios levan dende 2015 con líos cando Fernández Alvariño deixou un pufo descomunal que niguén foi capaz de asumir ata hoxe ! Coñecendo algo as prácticas mafiosas do bicho igual alguén debera pescudar no tema (claro que o último que me interesa son os líos destes tabeiróns económicos, pero en tempos de Reconstrucción alguén debera FISCALIZAR as débedas desta xente tan "honesta" ) Aquí tedes a galiña dos ovos de ouro de Fernández Alvariño https://www.google.com/maps/d/viewe... Hai apenas un mes, o alcalde de Vigo abriulle unha rúa sobre a súa propiedade (Caballero dixo que o empresario cedera terreo a carón do río Lagares para abrir o vial que financiou o Concello) RARO RARO RARO !!!

1 Sentidiño

A cuarta renuncia en cinco anos si, pero a primeira vez que o mandato dura día e medio... Logo falarán das liortas dentro dos partidos políticos, das diferenzas entre os socios de gobernos bipartitos, das convocatorias por separado no 1° de maio de sindicatos que son diferentes, da falta de unidade nas medidas contra a covid, etc etc etc... Fun á casa do meu veciño, e avergonceime; volvín á miña, e goberneime.