“Galicia e os camiños, unha oportunidade”

Sobre o potencial, atractivo espiritual e de percorrido de fe, dos distintos Camiños de Santiago, está hoxe sen discusión fora de toda dubida o seu retorno e beneficio para Galicia.

Por Juan Carlos Piñeiro | Cervo | 30/11/2020

Comparte esta noticia
A celebración dos anos santos son o cumio do impacto económico deste fenómeno que nace na Idade Media no Reino de Galicia. Certo é que ao carón do camiño non se impuxo ou non se potenciou un intercambio económico coas rexións que comparten itinerario. A incidencia é no eido cultural e turístico e o intercambio é basicamente nese campo. Mais non podía ser tamén unha cabeza tractor de maior intercambio industrial e comercial? Son escasas as iniciativas que  no campo do comercio e da empresa se fan ao carón do Camiño, xa que as administracións galegas, de toda cor, empuxan o paradigma cultural soamente, porén non se podería facer unha feira da sidra da Estrada en Roncesvalles ou un networking de empresas galegas en León?
 
Mención distinta ten a Ruta da Seda Atlántica que impulsa o xigante mundial da economía dirixido por Xi Jinping, que na base histórica e cultural do Camiño da Seda pretende un forte intercambio económico e de sinerxías, con Portugal como porta de entrada en Europa, tendo Macau un papel singular. Galicia como hub atlántico que sempre foi, está no radar das autoridades chinesas para esta importante estratexia de comercio global entre Europa e o principal estado consumidor do mundo, están Galicia e os nosos dirixentes aproveitando esta situación? Non. 
 
As forzas políticas galegas con centro de decisión en Madrid: PSOE, PP e Podemos están asubiando e vendo pasar unha nova oportunidade para o noso País. A clara aposta de Sánchez e Iglesias pola conexión ferroviaria atlántica de Lisboa e Porto por Madrid e Valladolid demostra que non entenden a importancia histórica de Galicia como conector global, na ruta atlántica de Roma e China e nos Camiños de Santiago. Mentres Feijoo e Caballero debaten sobre  as medidas de Ayuso en Madrid, Urkullu reactiva a euro-rexión “Aquitania-Euskadi-Navarra” para a defensa do corredor atlántico.  
 
Mención neste punto ás tímidas criticas das organizacións empresariais galegas, e parabéns sen dubida ao Primeiro Ministro D. Antonio Costa que na cimeira ibérica de Guarda parou os pés a Sánchez explicando que para Portugal o ferrocarril europeo ten que ir vía Porto-Vigo-Coruña. 
 
A que espera Feijoo para facer como Urkullu  e defender os intereses de Galicia de forma coordenada con Portugal? Cómpre que Galicia recupere a posición global, que na historia sempre tivo de conectar civilizacións, seremos quen? Ou pasará outro tren rumbo a esa burato negro que é Madrid.

Feijoó e Urkullu, gañadores das eleccións galegas e vascas. EUROPA PRESS - Arquivo
Feijoó e Urkullu, gañadores das eleccións galegas e vascas. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA