A emigración galega en Cornellá entrega os premios do ‘Certame de Poesía Rosalía de Castro’

A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, que este ano chegou ao seu corenta aniversario, deu a coñecer os premiados/as deste recoñecido concurso literario na súa XXXIV edición.

Por X.M. Fernández | BARCELONA | 01/12/2020 | Actualizada ás 21:36

Comparte esta noticia

O pasado venres, 27 de novembro, celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega “Rosalía de Castro”, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona). Na súa XXXIV edición concedéselle o primeiro premio a Lupe Gómez Arto polo seu poema “Coplas a Lola”.

Reunión telemática do xurado. Foto: ACG Rosalía de Castro
Reunión telemática do xurado. Foto: ACG Rosalía de Castro

O Xurado desta edición do Certame, que tivo que pronunciarse a través dunha reunión telemática, estivo composto por: Rexina Vega (presidenta), Anxos Sumai (Vicepresidenta), Armando Requeixo Cuba (vogal 1º), Cristina Corral (vogal 2ª), Domingo Tabuyo (vogal 3º), Amauta Castro (vogal 4º). E actuando como Secretario, Xulio Couxil Vázquez.

Despois das deliberacións oportunas, acordaron conceder premios aos seguintes Poemas:

1º Premio: Coplas a Lola. De Lupe Gómez Arto.

2º Premio: O Perigo de estar exhaustos.  De Marcus Daniel Cabada Candal.

3º Premio: Dakota: Memoria lírica da emigración. De María Álvarez Martínez (Masha Rakolnikova).

O Xurado fai unha mención especial, accésit para: O Matrimonio é unha nasa. De Francisco Javier Fernández Dávila.

OS POEMAS PREMIADOS

Coplas a Lola, de Lupe Gómez,  é un poemario de estrutura precisa no que, a través de coplas, poemas narrativos e versos curtos coa luminosidade conceptual dos Haiku, a autora nos mergulla na memoria comunal aldeá,  nucleada ao redor da “avoa?” morta.  A vivencia da paisaxe, a conciencia de clase e de xénero, a melancolía e a forza da lembranza celébranse a través de poderosísimas e inéditas imaxes.

En O Perigo de estar exhautos, Marcus Daniel Cabada  achéganos á unha reflexión sobre a sensación de esgotamento que conecta extraordinariamente coa vivencia da sociedade actual. Salienta o notable traballo formal e a fondura coa que o autor abre interrogantes de carácter existencial.

María Alvarez Martínez ofrece en Dakota: Memoria lírica da emigración un achegamento fresco e sorprendente á vivencia dos lugares de emigración, mesturando referencias á Galicia natal e ás paisaxes norteamericanas.

O Matrimonio é unha nasa, de Francisco Javier Fernández Dávila, é unha proposta irreverente, que, fuxindo abertamente da linguaxe literaria, consegue mediante poemas mínimos provocar un alude de imaxes que producen no lector sorpresa e riso irónico.               

A ENTIDADE ORGANIZADORA

Con este acto, a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, unha das máis activas na emigración galega en Cataluña, pecha as actividades que tiña previsto facer ao longo do ano. Faino cun amargo sabor de boca por mor da pandemia que fixo que a grande maioría de actos programados para este 2020, ano do seu 40 aniversario, tivesen que suspenderse ou reducir á mínima participación e de forma telemática como foi esta entrega de premios do certame de poesía.

Co gallo do 40 aniversario tiñan preparado un programa moi ambicioso. Contaban, por exemplo, con levar 2 orquestras, un grupo de rock, 2 de música Folk e unha banda de gaitas; todos contratados en Galicia. E tamén tiveron que cancelar a exposición “As portas de Lugo” no Castelo de Cornellá, no mes de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta