Leilía, as pioneiras das novas cantareiras, reciben o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música 2025

Músicas ao Vivo destaca o seu papel pioneiro na recuperación do cancioneiro tradicional e das transmisoras deste legado, abrindo camiño a outras bandas e artistas

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/05/2025 | Actualizada ás 10:44

Comparte esta noticia

No ano no que o Día das Letras homenaxea á poesia oral popular e ás cantareiras, Músicas ao Vivo ven de anunciar a concesión do Premio Honorífico Martín Códax da Música 2025 a Leilía. Nome referente na música galega que transita do século vinte ao vinteún, o grupo nacido en 1989 en Santiago de Compostela, despedíase recentemento dos escenarios sendo as súas integrantes consideradas pioneiras na difusión da música e do canto tradicional.  Músicas ao Vivo, entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, destaca como as Leilía abriron camiño a moitas artistas e agrupacións que viñeron detrás, e considera o recoñecemento a Leilía nesta 12ª edición dos premios como un tributo obrigado da comunidade artística no ano no que o 17 de maio, por segunda vez na súa historia, fai unha homenaxe colectiva, desta volta co recoñecemento ás cantareiras e á oralidade.

Grupo Leilía
Grupo Leilía | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez son as voces e pandeiretas de Leilía, a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs. En pouco tempo, formaban parte de xiras e festivais que as levaron por toda a península pero tamén por escenarios internacionais:  Alemaña, Polonia, Suíza, Finlandia, Holanda, Arxentina, Brasil, etc. Anque me vou, non me vou, asi  titularon as Leilía a xira de despedida cos últimos directos nos anos 2023 e 2024; unha despedida meditada tras mais de trinta anos de andaina que pecha un capítulo central na historia da música galega. Na súa nómina de galardóns e recoñecementos, en 2024, ano da despedida, reciben a Medalla Castelao polo seu papel clave na recuperación da música tradicional.

RECOLLIDA NAS ALDEAS

No anos oitenta comezaron a ir polas aldeas a recoller aquel cancioneiro que pervive grazas á transmisión oral e foron construindo o seu repertorio. Xotas, muiñeiras, alalás...as voces e pandeiretas de Leilía transmitiron ao público durante máis de tres décadas o papel das mulleres na conservación e transmisión do legado musical tradicional. As Leilía insistiron en moitas ocasións que sen as "informantes", aquelas mulleres que manteñen a tradición, o grupo non existiría. En 1991 gañan o pemio ao mellor grupo folk-tradicional na "II Mostra Cidade Vella" de Santiago de Compostela, e editan o primeiro disco, homónimo, en 1994, con gran repercusión, ao colocar a pandeireta no centro fronte ao predominio da gaita e da inspiración "celta" que marcaban a música galega naquela altura. Un disco que elas consideran "case etnográfico", ao recoller un legado que se estaba a perder.

A este primeiro traballo discográfico, seguíronlle I é verdade, i é mentira (1998) -coa produción de Nando Casal e Antón Seoane, de Mlladoiro- , Madama (2003) -un disco no que introduciron letras de Suso de Toro e cuxo tema "Pedras contra tanques" gañou o Premio á Mellor Canción en Galego da Academia das Artes e das Ciencias da Música-, o recopilatorio Son de Leilía (2005), Consentimento (2011) e Vidas Cantadas (2023). O 28 de maio recollerán no Pazo da Cultura de Pontevedra o galardón honorifico dos Premios Martín Códax 2025, o recoñecemento da comunidade musical ao traballo feito, nun momento no que a oralidade e o canto tradicional, grazas en boa parte á andaina das Leilía, gozan de moi boa sáude entre as novas xeracións de artistas e públicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta