A estratexia da Xunta contra os lumes en 2021: "Prevención, prevención e máis prevención"

Un centro integral de formación, a nova lei, máis cortalumes e máis drons, eixos do plan de Medio Rural.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/12/2020 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, presentou os eixos da Xunta para a loita contra o lume en 2021: un centro integral en Toén (Ourense) de formación de brigadas antincendios, un borrador da nova lei de prevención --que reforme a de 2007--, áreas produtivas que supoñan unha barreira natural fronte ás chamas, así como máis drons.

O conselleiro de Medio Rural
O conselleiro de Medio Rural | Fonte: Europa Press

Na comisión de Economía, José González deu conta dos orzamentos do seu departamento, con preto de 585 millóns (+8,8%), centrados en tres eixos de "prevención, recuperación e calidade". Destaca que é a cuarta consellería con maior cantidade consignada no global da Xunta.

Este centro integral para a loita contra os incendios en Toén busca converterse nun lugar de "referencia europeo", que será "eminentemente práctico", por exemplo, cun circuíto para motobombas.

O centro que se situará no antigo hospital psiquiátrico de Toén forma parte dunha partida de 11 millóns, cos que tamén se creará unha rede de puntos de encontro con instalacións para efectivos, almacéns e garaxes. Apostarase por cursos de queimas controladas, as aplicacións cartográficas e a compra de novos drones.

"Prevención, prevención e máis prevención", deste xeito resumiu cal será a prioridade de Medio Rural para 2021, nunha materia á que destina uns 80 millóns de euros. Aquí, inclúense 3,2 millóns para a renovación de vehículos e máis de 7 millóns para a renovación de equipos do persoal, máis do dobre que en 2020.

Ademais, hai máis de 40 millóns para convenios con concellos, dos cales 7,75 millóns son do acordo con Fegamp e Seaga para a xestión de biomasa, ao que xa están adheridos 267 concellos. Os outros 34 millóns irán para a prevención en 35.000 quilómetros de vías municipais e para motobombas.

POLÍGONOS AGROGANDEIROS COMO CORTALUMES

Outra proposta "ambiciosa" pasa polo pastoreo como medida prevetiva antincendios, despois da posta en marcha de 14 pasteiros, en 2021 dedicaranse 2 millóns para alcanzar as 2.000 hectáreas de pastos.

Igualmente, promoveranse áreas produtivas que exerzan de devasas naturais. Serán polígonos agrogandeiros ou forestais que situarán onde digan os técnicos que son máis útiles para combater os lumes.

De tal forma, estas áreas devasas comezarán a facerse en 2021 "nas zonas de Galicia máis afectadas polos incendios". Apoiaranse con selos de calidade de certificación dos seus produtos.

NOVAS LEIS

Todo iso, nun ano no que o conselleiro compromete o impulso a unha nova lei de prevención de incendios, que actualice a vixente de 2007, de forma que haxa un borrador en 2021.

Para este fin, ponse en marcha grupos de traballo coa intervención das universidades, o Consello Forestal e o centro de investigación de Lourizán. Tamén pide achegas dos grupos parlamentarios.

A nivel normativo, tamén avanza que este mes entrará no Parlmanento a lei de recuperación de terras, que estará aprobada o próximo ano. Así mesmo, comezarase co desenvolvemento da nova lei de calidade alimentaria.

Xunto a isto, José González compromete que o plan forestal será consensuado co Parlamento. Prevé un investimento de 4.900 millóns no monte galego ata 2040. Haberá 1,4 millóns en 2021 para elaborar mapas de usos agroforestais.

E tamén se presentarán estratexias para sectores como vitivinícola e o cárnico, tras a recentemente aprobada do lácteo.

INNOVACIÓN

O conselleiro de Medio Rural avanzou que se duplica o orzamento para innovación, aínda que non concretou a cantidade. Nesta liña, crearase unha fundación de investigación agraria aplicada para impulsar o I+D+i no agro galego co obxectivo de fomentar a calidade e mellorar a rendibilidade.

A mellora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo contará con 2 millóns e o centro de promoción agrícola de Boqueixón terá 4 millóns.

Máis partidas pasan pola modernización e diversificación do tecido produtivo rural (78 millóns), comercialización de produtos agrarios (18 millóns) e o millón de euros para o fomento da venda en liña.

RESTRUTURACIÓN PARCELARIA 

Os procesos de restruturación parcelaria contarán con 18 millóns de euros, co obxectivo de que por "cada unha terminada, haberá unha nova decretada". Tras facer entregas de títulos en catro zonas, outras oito zonas están lista e prevese sumar cinco máis no primeiro trimestre de 2021.

Entre outras partidas, a silvicultura, a sanidade forestal e o aumento da resiliencia ambiental suman 16,5 millóns de euros.

Neste punto, referiuse á iniciativa que opta a fondos europeros para destinar 1.000 millóns a crear un centro de fabricación de fibras téxtiles forestais a partir de celulosa para o aproveitamento da madeira galega.

Para a mellora da rede de oficinas agrarias comarcais van 3 millóns, con servizos como unha oficina agraria e un matadoiro que serán móbiles para ir a zonas de alta montaña e lugares máis afastados.

A implantación de pasteiros suporá 3 millóns, mentres a promoción de produtos agroalimentarios terá 1,45 millóns. Os programas sanitarios teñen consignados 8,6 millóns e o control de pragas 4,25 millóns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta