Pontevedra propón un Nadal "seguro e intenso" con actividades de rúa itinerantes

A programación dará comezo este venres e prolongarase ata o 10 de xaneiro.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 02/12/2020 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

A concelleira de Festas do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, presentou este mércores a programación "segura e intensa" de Nadal que comezará este venres co aceso da iluminación de rúa, e que se prolongará ata o próximo 10 de xaneiro polo centro da cidade, os barrios e as parroquias.

Carme da Silva comentou que a área de Festas "esforzouse en facer unha programación que contribúa a levantar o ánimo" da cidadanía "sendo conscientes das dificultades e das medidas de seguridade" pero co claro obxectivo de ser "un pouco máis felices" durante as festividades.

Outro propósito do Goberno local era "inxectar recursos económicos" no sector cultural e no comercio local, indicou Da Silva, que concretou que a programación de Nadal terá na Boa Vila dous escenarios principais: as rúas e o Teatro Principal.

Desde o 4 de decembro, nove grupos van facer máis de 30 espectáculos itinerantes polos barrios e rúas da cidade "para evitar posibles aglomeracións e problemas de aforamentos". Pola súa banda, o Teatro Principal acollerá a programación infantil con dous pases e nove espectáculos diferentes de 4 compañías. Carme da Silva resaltou que "é unha honra poder organizar esta programación de actividades itinerantes con grupos que son de Pontevedra e a súa contorna e poder contribuír a manter un sector tan afectado como o cultural e o dos espectáculos en vivo".

Ademais, 15 casetas integrarán o "poboado de Nadal" que Pontevedra instalará na Praza da Ferrería. Será un lugar no que, seguindo o ronsel dos tradicionais mercados do Nadal, poderanse adquirir todo tipo de produtos típicos destas festas. Case todos os postos serán do comercio local pontevedrés e neles, entre outras cousas, poderanse atopar adornos do Nadal, xoguetes ou postais.

Pontevedra recibirá ademais a visita de Papá Noel, o Apalpador e os tres Reis Magos. Iso si, non haberá recepcións nin cabalgatas. Todo iso dará comezo este venres, 4 de decembro, ás 18,30 horas co aceso da iluminación de Nadal na cidade. Ilumínanse 81 rúas e dispoñeranse máis motivos do Nadal "que nunca".

Noria no Nadal de Vigo
Noria no Nadal de Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta