Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2020 | Actualizada ás 21:40
O pasado 9 de decembro morreu Juliana Braga en Ourense ao ser atropelada por un vehículo mentres cruzaba un paso de peóns. En concreto, o paso de peóns da rúa Pena Trevinca, no cruce con Serra de Queixa, onde o ano pasado morría nas mesmas circunstancias outra muller.
Dende Amigas da Terra denuncian que os problemas de mobilidade da cidade Ourensá non son "unha novidade" e que "esta morte non nos colle por sorpresa". Mediante un comunicado, recordan que en 2017 xa presentaran "13 medidas para a pacificación do tráfico e a mobilidade sustentable no marco da Mesa da Mobilidade e da Semana Europea da Mobilidade".
Ademais, en xullo de 2018, "ante a vaga de atropelos", esixiron ao goberno municipal a instalación de lombos para formar pasos de cebra elevados como se comprometeran na mesa da mobilidade e, a pesar destas propostas e intentos por mellorar a mobilidade en Ourense, o 24 de novembro de 2019, unha muller foi atropelada mortalmente a 100 m da rúa onde morreu Juliana Braga.
MENTALIDADE "COCHECÉNTRICA"
Amigas da Terra sostén que a falla de visibilidade, a choiva ou a rúa estreita "son pretextos" para non abordar o que cren que é un problema de fondo: "a velocidade, a cidade hostil para os peóns e a mentalidade 'cochecéntrica', da que forman parte a policía local, a consellería de urbanismo, o goberno municipal e a Xunta que xestionan o espazo público en Ourense".
O colectivo recalca que, incluso, recentemente, Stop Accidentes elaborou un informe sobre os pasos de peóns máis perigosos de España, entre os que destacaba o da rúa Pena Trevinca.
Por isto, Amigas da Terra fai un chamamento ao concello de Ourense para que asuma as conclusións da mesa de mobilidade e presente un plan de pacificación para a cidade de Ourense. "Non podemos agardar máis asasinatos, por moito que sexan involuntarios, nos pasos de peóns".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.