Segue sendo a economía galega unha economía “colonial”?

Un estudo sobre a evolución da estrutura econonómica de Galicia tras a crise da burbulla inmobiliaria analiza as súas fortalezas e as súas debilidades. Entre as conclusións, a importancia do sector da pesca e do agro e as grandes evias nos sectores industriais tecnoloxicamente máis dinámicos e os servizos a empresas máis intensivos en coñecemento.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 05/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Que mudanzas tivo Galicia na súa estrutura económica durante os anos da crise da burbulla inmobiliaria?.  A estrutura produtiva interna de Galicia antes do 2008 pivotaba arredor de catro piares fundamentais; servizos tradicionais, industria de escasa intensidade tecnolóxica, construción e sector público. Pero que pasou tras esta fonda recesión que durou máis dunha década?, segue sendo unha economía "colonial" tal e como a describiu Xosé Manuel Beiras hai máis de 40 anos?.

A estas e outras preguntas tendou dar resposta Fernando de la Torre Cuevas, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC nun estudo publicado no último número da Revista Galega de Economía e no que analiza as “mudanzas e continuidades na estrutura económica de Galicia tras a crise financeira. Unha análise a través de táboas input-output (TIO) dos anos 2008 e 2016”. E os seus resultados son ben significativos.

Así, a única gran mudanza observada na estrutura intersectorial de Galicia durante este período temporal foi a reaparición das producións primarias como un dos nodos fundamentais dentro da súa estrutura económica. Tanto as ramas agrarias como a pesca gañan en importancia relativa, recuperando un papel ata certo punto perdido ao longo das últimas décadas.

“Esta revitalización matiza o seu lugar secundario dentro da economía galega, que poderíamos considerar se tivésemos en conta unicamente o seu peso no PIB e no emprego”, sinala de la Torre Cuevas.  Deste xeito, e tras a revitalización destes dous tradicionais sectores  de emprego en Galicia, a estrutura económica de Galicia segue asentada nos piares da construción, dos servizos de carácter tradicional, da industria de intensidade tecnolóxica media ou baixa e da acción do sector público.

SECTORES ALLEOS Á NOSA ECONOMÍA

A dinámica derivada da crise, reflectida na comparación entre as estruturas económicas dos anos 2008 e 2016, apunta cara a unha continuidade no esquema fundamental de funcionamento da economía galega. Dentro dos seus nodos fundamentais, incorpóranse as ramas primarias, mentres perde importancia a construción naval.

O estudo constata, ademais, como as relacións intersectoriais de Galicia non presentan un reflexo uniforme na inserción exterior dentro dos diferentes ámbitos xeográficos nos que opera. “Existe, tanto en 2008 como en 2016, un patrón común de vantaxes e de desvantaxes comparativas da economía galega que convive con patróns específicos de inserción nos ámbitos español e internacional”, recolle de la Torre Cuevas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita as instalacións de Estrela Galicia, xunto ao conselleiro delegado Ignacio Rivera e o conselleiro de Economía, Francisco Conde. DAVID CABEZÓN
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita as instalacións de Estrela Galicia, xunto ao conselleiro delegado Ignacio Rivera e o conselleiro de Economía, Francisco Conde. DAVID CABEZÓN

Destacan, concretamente, as diferenzas existentes, detectadas para o comercio interrexional e internacional, entre as producións nas que a economía galega presenta maior grao de dependencia. No primeiro caso, cita a necesidade de abastecemento de servizos intensivos en coñecemento. No segundo, os maiores déficits concéntranse no comercio de maquinaria, equipamento e produtos de alta intensidade tecnolóxica.

Á luz do marco de análise formulado o autor suliña que entre os anos 2008 e 2016 a economía galega non levou a cabo un proceso de diversificación tras a crise que lograse ir enchendo os baleiros da súa estrutura económica. De feito, a estrutura económica de Galicia presenta variacións de “escaso calado respecto de décadas anteriores”. “Isto resulta lóxico, mais non é necesariamente positivo de cara ao desenvolvemento no medio e longo prazo dunha economía”, indica.

Por iso, a reaparición da pesca e do agro como ramas primarias dos piares da economía galega tras a crise, suliña o estudo, “vén a matizar a imaxe secundaria que se lle foi outorgando, progresivamente, no relato sobre a súa estrutura económica, durante as últimas décadas”.

SECTORES PRIORITARIOS ALLEOS

Polo tanto, sectores máis dinámicos para o pulo dunha economía como a tecnoloxía ou a sociedade da información quedaron relegados da estrutura económica durante a crise. Deste xeito un dos baleiros que persisten son os sectores industriais tecnoloxicamente máis dinámicos e os servizos a empresas máis intensivos en coñecemento. Esta situación leva a que a economía galega dependa dos mercados internacionais, nomeadamente o europeo, para a subministración de produtos de alta intensidade tecnolóxica, maquinaria e equipamento, e do resto Estado español para se abastecer de gran parte dos servizos a empresas máis punteiros.

“Non se detecta a aparición de novas vantaxes comparativas reveladas na economía galega nos ámbitos español, europeo ou mundial”, recolle o informe. Por iso, o autor conclúe que a incompletude da estrutura económica de Galicia, unida ao dominio nela de sectores tradicionais ou asociados a tecnoloxías maduras, “reducen as súas posibilidades para ancorar a actividade económica máis alá dos ciclos de bonanza ou recesión”.  Por iso, a recuperación económica da crise da burbulla inmobiliaria non veu acompañada dun relanzamento do proceso de converxencia en renda per cápita cos niveis español e europeo, tal e como sucedía no período de crecemento anterior á crise.

"ESQUEMA COLONIAL"

“Respecto do resto do Estado, alén das vantaxes comparativas globais do comercio galego, mantéñense certas especializacións produtivas propias do esquema colonial proposto polo propio Beiras Torrado (1981) ou por López Suevos (1980), baseadas nos produtos agrarios e na explotación de recursos naturais (neste caso, fundamentalmente, os ríos para a produción de electricidade)”, apunta de la Torre Cuevas.

E, ademais, desas dependencias xa sinaladas hai corenta anos, o estudo recolle unha nova forma de dependencia non recollida entón e é a baseada na importación de servizos a empresas intensivos en coñecemento. Estas ramas produtivas, que operan como “interface” para a incorporación de innovacións nos sistemas produtivos, son xestionadas desde o exterior da economía galega. “Mantendo un esquema que lembra o descrito por Prebisch para as economías subdesenvolvidas, as innovacións entran en Galicia baixo o prisma e os intereses dos espazos económicos centrais do seu ámbito”, destaca o autor que apunta a unha forma de “satelización” dunha economía propia do réxime de acumulación pos-fordista.

A Viñeta de Lopez - Economía estable
A Viñeta de Lopez - Economía estable
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta