Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/12/2020 | Actualizada ás 10:55
Nin pandemia nin ningún dos outros tres termos finalistas relacionados con ela. Nós foi proclamada Palabra do Ano 2020 polas persoas que participaron ata o pasado 25 de decembro na elección popular promovida polo Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. "A voz gañadora salienta algo bo dun ano ben complicado, a celebración do centenario da xeración Nós, e olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global provocada polo SARS-CoV-2", apunta a RAG nun comunicado.
Seteiro, en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro (Sagittarius na forma latina), foi a segunda palabra máis votada tras resultar unha das seis finalistas pouco despois de que o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobase a listaxe normalizada dos nomes galegos das constelacións.
Os outros catro termos finalistas teñen que ver coa covid, pero quedaron nas seguintes posicións: gromo, na acepción que incorporou o dicionario da RAG neste 2020, a referida á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, acadou o terceiro posto; pandemia foi a cuarta palabra máis votada; máscara, a protección que deu o salto dos quirófanos á rúa, ocupa o quinto posto; e vacina, fica no sexto.
Os votos estiveron, iso si, máis repartidos ca noutras ocasións. Nós acadou case 3 de cada 10 votos emitidos; seteiro rozou o 20%; gromo fíxose con pouco máis do 17%; pandemia chegou ao 15%; e máscara e vacina sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.
Tres letras que expresan moito
A palabra gañadora é moito máis có pronome persoal tónico da primeira persoa do plural. É tamén a voz que designa a publicación aparecida en outubro de 1920, que lle daría igualmente nome ao grupo galeguista organizado arredor dela. En palabras do profesor Ricardo Carvalho Calero, os integrantes da xeración Nós europeizaron a cultura galega e déronlle á nosa prosa “un pulo nunca visto nos tempos modernos”.
"Castelao titulou con acerto os debuxos deste proxecto co pronome tónico da primeira persoa do plural porque as tres letras que o conforman abondan para retratármonos como pobo, como cultura. E hoxe tamén abondan, tanto dende a perspectiva local como dende a global sempre conxugadas pola xeración Nós, para albiscar a solución ao gran desafío da pandemia da covid-19", destaca a RAG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.