Un informe “demostra” que a Xunta non comprobou as contas das caixas antes de aprobar a fusión

Anova considera probada a “responsabilidade política” de Feijóo na “ruinosa fusión” das caixas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

Sete anos máis tarde, a fusión das caixas galegas ameaza con dar un novo golpe sobre o taboleiro político galego, malia os receos do actual Presidente da Xunta a que o tema volva formar parte da actualidade parlamentaria. A administración autonómica vén de publicar o informe da Consellería de Facenda elaborado en 2010 e que por aqueles anos serviu como xustificación para a fusión das caixas. E as conclusións non son boas para o goberno da Xunta.

Os entón líderes do PSOE, PP e BNG presentando o principio de acordo para a fusión das caixas galegas
Os entón líderes do PSOE, PP e BNG presentando o principio de acordo para a fusión das caixas galegas

Cando menos, así o considera a formación política Anova, a quen os tribunais acabaron dando a razón neste proceso para que a Xunta entregara toda a documentación do proceso mentres formaban parte de AGE. Para eles, o informe “demostra a neglixente actuación de Feijóo” no que sería a “ruinosa fusión” das caixas. A denuncia fundamental da plataforma é que a Xunta fundamentou a súa actuación nun informe-proposta –o presentado este martes 29—que non contaba con auditoría algunha que o apoiara. E o informe, cómpre sinalar, foi desenvolto pola propia Consellería de Facenda.

O documento en cuestión, asinado por Marta Fernández Currás o 11 de novembro de 2010., vén de saír á luz ante a presión xudicial, xa que, de acordo con Anova, o goberno do PP en ningún momento facilitou o documento á Comisión de investigación do Parlamento, que era encargada de dilucidar as posibles responsabilidades políticas “da maior creba financeira de Galiza nas últimas décadas”, segundo a formación.

Dende Anova teñen claro que a “ocultación” practicada pola Xunta tiña moito que ver coa responsabilidade da Xunta do proceso. A “falta de transparencia e obstrución do labor parlamentario convertéronse na norma do Executivo de Núñez Feijóo para evadir responsabilidades e render contas”, subliñan. Neste aspecto, as críticas da plataforma oriéntanse ás conclusións do documento, que, sosteñen, deixa “á vista de todos a insolvencia do seu informe” como aval da operación financeira en cuestión.

SEN AUDITORÍAS EXTERNAS

A denuncia da plataforma vén dada pola “omisión” da Consellería da Facenda, que segundo sosteñen debía actuar como auditora da situación das caixas. A problemática é que o informe “non vai acompañado de ningunha auditoría respecto da información financeira achegada polas Caixas”, que se dá por boa sen máis. De xeito paralelo, tampouco conta con análise externa algunha.

A formación subliña en concreto que o informe “non fai referencia ningunha nin tan sequera á sonada auditoría de KPMG, que como se desvelou no seu día nin foi auditoría nin contiña unha recomendación favorable á fusión. “Pese ao dito en público o goberno sabía en realidade non avalaba a operación senón máis ben todo o contrario”, concluíu o voceiro nacional da plataforma Antón Sánchez. “É dicir, a Xunta autorizou a operación cun informe de 5 páxinas da conselleira responsable, sen que se fundamentase en ningún informe económico-financeiro previo que a avalase”, apuntou. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Frecha

Estaría ben recordar a cumplicidade do BNG co PP neste saqueo. As hemerotecas están aí.