Paula Prado sobre a "falta de autocrítica" do Goberno: "Case parece que o apagamento foi culpa do PP"

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, volveu a defender a actuación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e lamentou que máis dunha semana despois do apagamento, "non se sabe absolutamente nada" das causas nin de cales foron os motivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2025 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, volveu defender a actuación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o apagamento enerxético rexistrado o pasado 28 de abril e cualificou de "absolutamente descorazonadora" a "falta de autocrítica" do Goberno central. En rolda de prensa este xoves, preguntada sobre se Rueda debeu de estar toda a noite do apagamento no Cecopi, despois de que durante o pleno o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mostrase unha foto do delegado do Goberno, Pedro Blanco, no centro de coordinación e lle preguntase a Rueda "onde estaba cando Galicia pasou a nivel tres", Prado defendeu que o Executivo galego "estivo ao pé do canón en todo momento".

"Os galegos poden sentirse orgullosos do Goberno que teñen porque estivo ao pé do canón en todo momento, atendendo a todas as persoas que o necesitaron, tanto no ámbito sanitario como no ámbito social", apuntou. Fronte a isto, cualificou como "absolutamente descorazonadora" a "falta de autocrítica" do Goberno de España, xa que, en palabras de Prado, era o que "estaba á fronte desta emerxencia nacional". Así, criticou que, máis dunha semana despois do apagamento, "non se sabe absolutamente nada" das causas nin de cales foron os motivos e cargou contra a comparecencia, na xornada do mércores, do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, no Congreso cun discurso "máis propio dun tirano".

"Durante tres horas estivo Sánchez soltando bulos e atacando á oposición. Case que parece que o apagamento foi culpa do PP", sinalou a número dous dos populares galegos. Por iso, volveu a pedir explicacións a Sánchez e que "facilite algunha garantía" de que unha situación así non vai volver a ocorrer e, "se non fai nin unha cousa nin a outra, polo menos, que pida desculpas aos cidadáns". Paula Prado tamén cualificou como "moi sorprendente" que, cando hai unha emerxencia a nivel nacional, "non sexa" o Goberno quen decrete o nivel de alerta nacional, senón que sexan as comunidades autónomas as que teñan que pedilo. Galicia, solicitou o nivel tres de alerta durante a crise do apagamento.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa | Fonte: PPDEG

ACUSA A ULLOA VIVA DE "PLANTAR BULOS" CONTRA ALTRI

Por outra banda, a secretaria xeral do PPdeG acusou á Plataforma Ulloa Viva de "plantar bulos" contra a planta que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei e afeou a protesta deste xoves diante do Congreso. "Son os de sempre, os do non a todo", asegurou. En rolda de prensa, criticou que a Plataforma Ulloa Viva "é a mesma que manipulou" unha fotografía dunha visita á planta de Altri en Portugal para "trasladar a mensaxe de que hai unha fábrica que contamina, malísima co medio ambiente".

"Esa é a Plataforma que está a plantar bulos cuns expertos que se dedican a escribir libros, nos que din que lles dan igual os informes de expertos porque eles, xa de antemán, teñen a súa opinión sobre este proxecto: o non", incidiu Prado. "Son todos os mesmos, os do non a todo", continuou, á vez que enxalzou que fronte a iso atópase o PPdeG que "seguirá apostando polo futuro de Galicia". Desta forma, asegurou que "sempre que se cumpra" a normativa de medio ambiente os populares galegos estarán a favor dos proxectos industriais en Galicia. "Non faremos como o BNG nos 70 que se opuña a Alcoa que dicían que tamén contaminaba e ía matar á xente da Mariña e agora son os primeiros en porse en detrás da pancarta 'Alcoa non se pecha", sentenciou.

ACUSA AO BNG DE "PROFUNDAR NA SÚA RADICALIZACIÓN"

Así mesmo, Prado acusou ao BNG de tentar, "de todas as formas posibles, facer tremer" os alicerces do "benestar de Galicia" e ao PSdeG de converterse no "Partido Seguidista de Galicia". Fronte a iso atópase a "normalidade extraordinaria" anunciada polo presidente autonómico, Alfonso Rueda, cando chegou á presidencia do partido. "Durante estes tres anos asistimos a unha oposición que camiñou cara atrás. O BNG profundou na súa radicalización, no non a todo, e o PSdeG converteuse no Partido Seguidista de Galicia", asegurou Prado.

Paula Prado acusou ao BNG de tentar alcanzar "o que non conseguiron nas urnas, da forma que máis lles gusta: con mobilización e conflitividade social". Neste sentido, fixo referencia ao último comunicado da UPG sinala que "o seu único obxectivo é avanzar na conquista da soberanía e a independencia e fortalecer o movemento nacionalista". Fronte a iso, Paula Prado erixiu ao PPdeG que se "vai a manter firme e no camiño correcto", na procura do benestar dos galegos e convencidos de que coa "Galicia do si" teñen "moito que gañar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta