Por Galicia Confidencial | Arbo | 29/06/2013 | Actualizada ás 15:00
A Alternativa Independente de Arbo (AIAR) acaba de anunciar que abandona o goberno de Arbo, no que levan con tarefas de goberno, en coalición co BNG e co alcalde, Xavier Simón, --de baixa do Bloque desde 2012--, desde hai dous anos. Sen embargo, esta decisión ten provocado fisuras internas.
AIAR, con tres edís, no concello, argumenta que Simón rachou unilateralmente o pacto que asinaran logo das eleccións municipais para repartirse a alcaldía entre o BNG e este grupo co "intento unilateral de perpetuar a súa presidencia da corporación municipal arbense". Por iso, a dirección desta formación anunciou este xoves que abandona o Goberno municipal.
Unha decisión, di, que "se viu obrigada a tomar" despois de varios intentos de que o alcalde cedese o bastón. Así, apunta que o último deles foi o pasado día 15 de xuño, no que enviaron unha comunicación na que se instaba a Xavier Simón á convocatoria dun pleno antes do próximo 30 de xuño co fin de proceder ao traspaso de funcións ao grupo municipal de AIAR. Precisamente, a decisión de pactar co BNG e non co PP, logo das eleccións, foi a de dividirse en dous anos a alcaldía, algo que "agora non cumpre Simón", denuncia.
A "sorpresa" da tenente de alcalde
Sen embargo, unha das tres edís de AIAR, a concelleira de Cultura e tenente alcalde da localidade, Fabiola Durán, acaba de remitir un comunicado aos medios no que manifesta a súa sorpresa "ao terse enterado pola prensa de problemas no traspaso da alcaldía por parte do BNG ao seu partido".
"Lamento que unha manifestación de tal calado para o pobo de Arbo se tome ao marxe das persoas de AIAR que polo pacto suscrito co BNG, están actualmente implicadas en tarefas de goberno", indicou. Por iso, suliñou que agarda que os compañeiros que tomaron a decisión de enviar "esta sorprendente nota de prensa retomen a vía democrática de decisión e debate interno , pois o pobo de Arbo así o manifestou nas urnas nas eleccións pasadas, emitindo un voto de cambio e renovación democrática".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.