Por gcdeportes | Vigo | 29/06/2013 | Actualizada ás 00:17
O Celta proclamouse campión da Liga Fertiberia de Fútbol Indoor tras derrotar ao Valladolid nun partido marcado pola remontada céltica, grazas a dous goles de Jacobo Campos na prórroga. É o primeiro título na historia da Liga de veteráns do Celta, que antes eliminara a Dépor, Real Madrid e, en semifinais, ao Porto.
A final principiou con moitas precaucións polos dous equipos, aínda que non tardou en abrirse o partido, con numerosas ocasións. Os goles, en cambio, non chegaron ata o minuto 9, cando Tomás abriu o marcador. Dous minutos máis tarde empataba o Valladolid por medio de Diego López. O Celta volveuse a adiantar e ampliou a súa vantaxe no marcador para porse 3-1. Víctor, a catro minutos do descanso, acortou distancias.
Na segunda metade, os dous equipos lanzáronse ao ataque. Fran Caínzos, con dous goles nada máis principiar, e Fidalgo puxeron o marcador 6-2 nos primeiros cinco minutos. O Celta amosábase moi forte pero o Valladolid non se engurrou. Pese a caer 7-4 e perder a Juan Carlos (campión de Europa co Barça) por lesión, foi quen de empatar o partido no último minuto.
Remontada na prórroga
No temo extra, adiantouse o Valladolid, que ademáis tivo a oportunidade de sentenciar o choque. Pero dun posible 7-9, pasouse a un 9-8 nos últimos intres da prórroga gracias a Jacobo Campos, que se converteu no heroe da remontada e no xogador máis destacado da Liga Fertiberia 2013.
Celta: Emilio (porteiro); Tomás, Bajcetic, Jacobo Campos e Otero. Tamén xogaron Fran Caínzos, Quique, Fidalgo e Ratkovic. Adestrador: Moncho Carnero.
Valladolid: Rodri (porteiro); Turiel, Chuchi Macón, Víctor e Marcos. Tamén xogaron: Juan Carlos, Pereira, Santi Cuesta, Ferreras e Diego López. Adestrador: Ricardo Coque Coria.
Goles: 1-0 Tomás (m. 9), 1-1 Diego López (m. 11), 2-1 Quique (m. 21), 3-1 Fidalgo (m. 23), 3-2 Víctor (m. 26), 4-2 Fran Caínzos (m. 31), 5-2 Fran Caínzos (m. 33), 6-2 Fidalgo (m. 34), 6-3 Pereira (m. 36), 7-3 Otero (m. 39), 7-4 Víctor (m. 42), 7-5 Santi Cuesta (m. 49), 7-6 Pereira (m. 59), 7-7 Marcos (m. 60). Prórroga: 7-8 Santi Cuesta (m. 63), 8-8 Jacobo Campos (m. 69), 9-8 Jacobo Campos (m. 69).
Árbitro: Carlos Megía Dávila.
Pavillón: Antonio Rivilla (Puertollano), 1.000 afeccionados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.