Os sanitarios do CHUS mantéñense en pé de guerra contra a xerencia "que matou a UCI"

Conseguen recoller case 2.500 sinaturas de apoio en apenas dous días.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2021 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Máis dun mes despois do inicio das mobilizacións, a UCI do CHUS segue en pé de guerra pola mellora das súas condicións de traballo. Logo mobilizarse luns tras luns ás portas do complexo compostelán, os persoal de enfermaría da Unidade continúa lamentando as mesmas deficiencias e problemáticas que xa recolleu GC no mes de novembro: dende xornadas de 17 horas de traballo a “ameazas” dos responsables aos sanitarios que decidiran protestar.

Mobilización de sanitarios de UCI do CHUS, o pasado mes de novembro
Mobilización de sanitarios de UCI do CHUS, o pasado mes de novembro | Fonte: cedida

Por esta razón, veñen de dar un paso máis na loita por unhas mellores condicións co lanzamento dunha petición en Change.org que deixa ao descuberto o forte apoio popular co que conta o persoal desta unidade. Así é que, en apenas 24 horas, a petición “por unha UCI digna” recolleu un total de 1.500 sinaturas; que horas despois habían de se transformar en case 2.000.

Ao igual que en denuncias anteriores, o colectivo sanitario denuncia que a pandemia está a derivar nun “agravamento” das súas condicións de traballo, problemática que á súa vez incide no “desamparo” dos pacientes da UCI. En concreto, lamentan que as obras comprometidas pola xerencia para dotar de cubículo á UCI-A seguen sen ser executadas, o que os obriga a pasar “xornadas de 7 e 10 horas” cos EPI, sen poder descansar.

“Tentas non beber para non ir ao baño porque tes que sacar todo o traxe, pero así deshidrátaste” contaba semanas atrás a Galicia Confidencial Rosa González, unha das sanitarias á cabeza das mobilizacións en Compostela. As demandas dos sanitarios van máis alá da reforma da estancia, xa que esixen tamén unha maior dotación de EPIs, controis PCR e que se forme a máis profesionais para poder contar con suplencias e que a ratio de pacientes por sanitario se reduza. Todo, recordan, con vistas a prestar a mellor atención posible aos que peor están pasando a pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta