O PPdeG esixe ao ministro Ábalos que explique a "non aplicación" da rebaixa das peaxes da AP9

Os deputados galegos no Congreso rexistraron a solicitude de comparecencia do titular de Transportes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/01/2021 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Os deputados galegos do PP no Congreso rexistraron este xoves a solicitude de comparecencia do ministro de Transportes, José Luís Ábalos para informar as razóns polas que desde o primeiro día deste ano "subiron as peaxes" da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, en lugar de aplicarse os descontos previstos nos orzamentos xerais do Estado (PGE).

Ponte de Rande
Ponte de Rande | Fonte: Europa Press

O partido explica que os parlamentarios galegos tamén reclaman a comparecencia do secretario de Estado de Transportes, Pedro Saura, para abordar este asunto.

Despois de que o mércores o secretario xeral de Infraestruturas do ministerio, Sergio Vázquez, asegurase que o Goberno traballa para que a rebaixa se aplique no primeiro semestre do ano, o deputado popular Celso Delgado lamentou que se confirme "a pesar dos anuncios e promesas feitas" que o Goberno español, "en lugar de cumprir o comprometido", "materializou unha nova suba das peaxes da AP-9 que aumenta aínda máis o agravio" aos galegos.

O deputado do PPdeG no Congreso censura que "non se produciu nada en relación coa supresión de peaxes Morrazo e A Barcala", nin sobre a bonificación das peaxes ou a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, así como tampouco para a supresión da suba anual acumulativa.

"Resulta inadmisible que desde o Ministerio se diga agora que o decreto coas bonificacións e descontos aínda tardará como mínimo un semestre en ser aprobado", engade.

"O certo é que o Goberno, desde que redactou en setembro o proxecto de lei de PGE para 2021, sabía que era imprescindible ir preparando os trámites administrativos necesarios para materializar os descontos a primeiros de 2021 e optou por non facelo", censura o parlamentario, que considera que o Goberno "prefire cumprir con Audasa" antes que cos galegos.

Os deputados galegos do PPdeG sinalan que farán un forte seguimento a este tema da autoestrada e presentarán ademais outras iniciativas parlamentarias en forma de preguntas e proposicións non de lei ata que se cumpra co comprometido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta