Almanaque Agrícola ZZ

Ao longo da miña vida teño estado en moitisimas casas labregas onde nunca mirei un libro escrito en lingua galega. Sen embargo era común que houbese unha colección do “Almanaque Agrícola ZZ”; unha publicación de 80-85 páxinas dedicada á divulgación de produtos químicos para combateren as pragas do agro galego elaborados por Zeltia Agraria,S.A nos seus laboratorios do Porriño.

Por Xosé Glez. | Vigo | 14/01/2021

Comparte esta noticia

Estes laboratorios foron fundados polos investigadores Ramón Obella Vidal e  Fernando Calvet aos que posteriormente se sumarían os irmáns Fernández López, empresarios de inequívoca conduta galeguista (sobre todo Antonio), que  contaron cos mellores e prestixiosos científicos do seu tempo. Nas súas instalacións respirábase un ambiente antifranquista,   galeguista e republicano. Xabier Alcalá na súa obra “Unha falsa luz”, fala da presenza de moitos desafectos ao réxime que  traballaban nunha rede axentes comerciais da que formaban parte tamén moitos protestantes da igrexa evanxélica mal vistos polo réxime.

Foron os primeiros en utilizaren a lingua galega na publicidade en tempos de proscrición. Porén, os gobernantes toleráronlles a excepcionalidade do seu uso aos irmáns Fernández  que lles estaba prohibida aos demais. Os Fernández eran empresarios poderosos.

O Almanaque Agrícola ZZ” ten o acerto, aínda non recoñecido na medida que se debera, de conxugar a utilidade de espallar nos medios labregos, maioritariamente galegofalantes, iletrados na súa propia lingua, a existencia dunha ampla gama de produtos fitosanitarios e avezalos no seu uso coa divulgación do patrimonio cultural. Por esta razón consideramos que a publicación servíu para dignificar o galego pola divulgación das propiedades  científicas que facían dos seus produtos. Esta foi a grandeza desta publicación popular que contiña receitas para curar todas as pestes que puñan en perigo a economía agraria dos labregos. As pestes podían significar a ruina familiar e a inevitable emigración.

Esta publicación que nace en 1952, co paso do tempo converteuse nunha institución, nunha ferramenta útil e esperada con impaciencia polas novidades que ofrecía e nun compañeiro case que inseparable de todas aquelas xentes vencelladas ás actividades agrarias.

Un editorial correspondente ao número do ano 2020, explícao deste xeito “A publicación do almanaque comezou coa idea de divulgar coñecementos agrarios de modo moi concreto, sinxelo e quizais entretido . O resultado final de tal acerto, en termos de aceptación e cariño ao “Almanaque Agrícoa ZZ” vén  refrendado por case que cen mil exemplares anuais, que se espallan de modo gratuito. Trátase dunha publicación que quixo manter un carácter tradicional e enxebre pero ao tempo innovador. Adiantouse no tempo, con criterio fundado, sendo pioneiro e profeta na súa terra; avanzou consellos de cuestión agronómicas en plena aplicación e desenvolvemento. Falamos de métodos culturais, loita fitosanitaria ou mesmo de preservación e recuperación de razas ou castes autóctonas e ancestrais en gandería, horticultura, cereais e sobor de todo viñedo”.

O “Almanaque Agrícola ZZ”, foi unha iniciativa de  Fidel Isla Couto, directivo e accionista de Zeltia. Durante moitos anos foi dirixida polo médico e investigador  Ricardo García Suárez, máis coñecido polo seudónimo de “Xohán Ledo”, mentres foi ilustrador dos libros da editorial Galaxia . A militancia nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista de Antonio Fernández López explica ese espírito de galeguidade que se vivía nos laboratorios.

Outro dato importante é que malia as segregacións da empresa matriz por mor das alianzas con capital foráneo, o Almanaque seguíu publicándose en galego dado o prestixio e éxito publicitario acadado. Na colección atopamos editores distintos:  Zeltia Agraria, a primixenia, Zeneca Agro e Syngenta. Esta multinacional suiza, especializada en solucións químicas para a agricultura foi absorbida pola chinesa China Chemical National Corporatión, a actual propietaria.Os chineses continúan co uso do galego.

Mágoa que os empresarios matriculados nas Escolas de Negocios e profesionais da comunicación non estuden a importancia que tivo na historia da publicidade o “Almanaque Agrícola ZZ”.

 

Investigación de Zeltia
Investigación de Zeltia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.