Abel Caballero: "Vigo está no século XXI. Santiago e A Coruña, no XV"

O rexedor vigués insiste en que Vigo é o motor económico de Galicia pero que está "maltratada" pola Xunta e polos políticos. Asegura que Feijóo é o "peor presidente" que tivo Galicia e denuncia a "enorme agresión" que lle está causando á cidade. Aposta por unha gran fronte política, social e sindical para salvar o naval. Entrevista no interior.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 04/07/2013 | Actualizada ás 03:25

Comparte esta noticia

Abel Caballero non ten pelos na lingua. Fala con contundencia e sobre todo cunha palabra que é fundamental no seu discurso; Vigo. Precisamente, arredor desta cidade xira o principio e a fin da súa loita política. E iso que xa pasou por un ministerio, a Secretaría Xeral do PSdeG ou a Executiva Federal do PSOE. Semella un don Quixote loitando contra os muiños que día tras día vai levantando o se gran inimigo; Alberto Núñez Feijóo. 

Abel Caballero, alcalde de Vigo
Abel Caballero, alcalde de Vigo | Fonte: Ana Lopez

Para o rexedor vigués hai unha marxinación histórica de Vigo en beneficio de Santiago e A Coruña a pesares de que a primeira é o motor de Galicia e a cidade do século XXI e as outras "están ancoradas no XV".  E, precisamente, esta marxinación é, segundo el, a que provoca que a urbe olívica perdera a súa caixa e que, agora, tamén estea ameazado o seu aeroporto que "pode traer tes millóns de viaxeiros". E é que ten claro que o principal problema de Vigo "chámase Alberto Núñez Feijóo" porque é "unha enorme deficiencia e agresión" para a cidade.

Aposta por unha gran fronte para defender o naval e lembra que foi el quen a propuxo e a impulsou. "Fun eu quen lle pedín ao ministro de Industria que fixera o que xa está facendo agora. A esa fronte teñen que sumar agora a Cándido Méndez e a Toxo", apunta e critica ao presidente galego por non estar na manifestación en defensa do naval que se celebrou en Vigo.

Evita falar da situación interna do PSdeG e non ten problema en admitir que o seu proxecto político está na "Executiva Federal do Partido Socialista Obrero Español" no que xa está e na  FEMP porque "Vigo ten que estar metida en España". Iso si, está convencido, "humildemente" de que repetirá unha terceira lexislatura e agarda que unha cuarta, como alcalde desta cidade.

O universo Vigo

Hoxe es o alcalde do PSdeG máis importante...

Abel Caballero nun momento da entrevista con Xurxo Salgado
Abel Caballero nun momento da entrevista con Xurxo Salgado | Fonte: Ana López

Non... Eu son o alcalde de Vigo.

Empezamos xa ben... Pois ben, es o alcalde de Vigo, da principal cidade galega e, agora, o gran azoute do PPdeG e da Xunta.

Eu non son o azoute de ninguén. Eu o que fago é defender esta cidade e os que a maltratan pois me teñen en frente e seguiranme tendo en frente. E os que a tratan ben pois lle tendo a man encantado, por exemplo, no primeiro caso Feijóo e no segundo caso Ana Pastor. Unha ministra do PP coa que estou moi satisfeito e un presidente da Xunta que é un auténtico desastre para esta cidade.

Pero, ese maltrato non se daba antes co bipartito ou co gobern Zapatero?

Tiven discrepancias durante o bipartito pero nunca houbo o nivel de agresión que hai con Feijóo. O bipartito non nos roubou unha caixa de aforros e Feijóo si, non nos fixo unha lei de área metropolitana para gobernar Vigo desde fora e Feijóo si, non nos quixo facer un hospital privado e Feijóo si, non nos quixo facer pagar 45 millóns de euros de IVA dunha depuradora e Feijóo si, non nos deixou facer a Cidade da Xustiza e Feijóo si, etc, etc. 

"Problema Xunta-Vigo"

E non cres que isto é porque, como dixen ao principio, es o alcalde máis importante que o PSdeG ten en Galicia?

É porque esta é a cidade máis importante de Galicia. Non é un problema PP-PSOE. É un problema Xunta-Cidade de Vigo, porque isto pasou sempre aínda que non tan grave como esta vez, pero pasou sempre, o de ignorar Vigo desde a Xunta, desde o primeiro presidente autonómico. A diferencia está en que agora contestamos e antes non. Esa é a gran diferencia. Ata o de agora os alcaldes e alcaldesa cando Santiago nos ignoraba e marxinaba dicían "vale" e eu digo "non vale". Esa é a diferencia. Pero podo facer a lista. Santiago quedou coa capital da Xunta e A Coruña coa do Estado en Galicia, o AVE ignora Vigo, a Cidade da Cultura faise en Santiago e non en Vigo, os auditorios fanse en Santiago e A Coruña e ningún en Vigo. O gran porto exterior faise na Coruña e nada en Vigo. Basta con ver o que está pasando agora co aeroporto neste momento. Feijoo apoiando o de Santiago e vexo que o PP de Vigo non quere que defendamos o noso aeroporto e Feijóo dalle diñeiro a Santiago e nada a Vigo. Esa é a realidade..

E por que cres que se dá esta...

Porque están na Galicia antiga. Non entende a Galicia moderna que é a que lidera Vigo e a que quere liderar Vigo porque Vigo se sinte máis Galicia que ninguén. Pero aposta por unha Galicia do século XXI; a Galicia da economía, da globalización, da competitibidade, da superación da crise e a Xunta de Galicia, anclada no antigo Santiago, non entende esta Galicia moderna. Está mediatizada pola súa presenza e porque Galicia, desde o século XV, é Santiago e A Coruña. E agora, no século XXI aparece Vigo e ocupa o seu espazo e demanda ese espazo e non o queren entender. Ese é o problema. Non entenden o que é a modernidade.

Pero quen non o entende; os políticos, a xente?

A estructura política de Galicia. Non te parece singular que todos os líderes políticos e sindicais sexan da Coruña ou de Santiago? e que non haxa ningún de Vigo. Pareche normal que ningún dos líderes sindicais non sexa de Vigo co movemento sindical tan potente que temos en Vigo?... E falo dos tres sindicatos. E pareche normal que non houbera ningún presidente da Xunta que fora de Vigo?. Iso é porque os líderes dos partidos establecense en Santiago e dirixen todo coa óptica de Santiago.

Bueno... Feijó di que é de Vigo ou, polo menos, que vive en Vigo?

Iso é o que di el. Pero eu fágoche unha aposta. Eu o colocoo no sitio que inagurei hoxe, na Praza da Miñoca, e lle digo que vaia camiñando ata Teis...Pode acabar en Baiona.

Entón o problema é de modelo?

Si. Hai un modelo que ten que cambiar e nós, nese modelo novo non queremos ocupar o sitio de ninguén, senón o noso sitio. A min non me escoitarás dicir que hai que pechar aeroportos en Galicia. Pero eu escoitei dicir iso desde Santiago. A min non me vai escoitar dicir que o AVE non vaia por Santiago. Non queremos quitarlle dereitos a ninguén. Queremos os nosos, pero a nós negannolos. Pero cres que ten sentido que o AVE vaia Madrid, Ourense, Santiago, A Coruña. Iso é un disparate. O AVE tiña que ser A Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Madrid. E non quixeron. Non quixo A Coruña, non quixo Santiago, nin quixo Fraga.

Localismos

E non sería mellor que o AVE fora directamente a Coruña ou a Vigo?, porque volvemos reproducir os localismos que hai neste país

Por iso eu reclamaba un AVE que fora A Coruña- Santiago-Vigo-Ourense-Madrid.

Pero nese sentido estamos parando o tren cada dous por tres sen que colla velocidade punta. Entón que AVE é?

Colle perfectamente velocidade punta. En todo caso, o tempo que significa para A Coruña iso --12 minutos--, gañaríao en frecuencia. En vez de ter un tren cada oito horas, tería un tren cada hora, e así recollería o doble de recorrido e de viaxeiros. É certo que é moi importante a velocidade nun tren pero tamén son moi importantes as frecuencias. Por iso propuñamos iso. Por que ten que haber un AVE desde A Coruña a Madrid e non desde Vigo?. Es más importante A Coruña que Vigo?. Pois non o é. É máis importante Vigo. Esa é a vella Galicia, a Galicia que nós criticamos. Nós queremos unha Galicia nova e distinta.

Volvendo ao tema do aeroporto. Cal é a súa proposta?

Que todos compitan en igualdade de condicións.

Os tres galegos?

Os tres de Galicia e o de Porto

Pero, claro, Porto non é da nosa competencia?

Pois denuncia ante Europa por axudas ilegais.

E onde chegamos con iso?

Que compitamos todos iguais.

Pois entón facemos o que tentan facer os holandeses con nós co tema do tax-lease. Reproduciriamos o mesmo mecanismo?

Non. Porque se hai axudas para Santiago, A Coruña e Porto eu as quero igual para Vigo. Ou axudas para todos ou para ninguén. O que non pode ser é que haxa axudas para o resto e non para Vigo.

E non cre que sería mellor especializar os aeroportos?

Non. 

Especialización de aeroportos

Pregunto isto porque foches ministro de Transportes e supoño que sabes a que me refiro?

Cada un ten que ter os voos que considere necesarios en función dos seus pasaxeiros. Esa é a especialización. Que cada un teña os voos que precisa o territorio. Por certo, as compañías elixen e van a elixir. Por que elixen Santiago?, porque teñen axudas. Por que A Coruña? porque teñen axudas. Por que non elixen Vigo?, porque non teñen axudas. Un billete de Santiago a Madrid custa 70 euros e desde Vigo, 350. Quen voa con ese prezo. Pois a xente vai a Santiago. E porque vale 70?, porque está subvencionado pola Xunta.

E non sería mellor que cada cidade se especializara en certos voos, en certos destinos para non competir?

En Vigo, todos os que necesitemos. Por certo, poden vir os de Santiago aquí. Canta xente coñeces de Santiago que veña coller avións a Vigo?. Digame algún caso.

Pois eu mesmo algunha vez.

Por que é daqui?

Non. Son de aquí preto pero vivo en Santiago. Pero teño vido específicamente de Santiago a Vigo a coller un voo. 

E por que?

Porque me saía máis económico.

Pois esa é clave e sucede o contrario. E cando vai a Santiago pois está cheo de xente de Vigo. Por que?, porque son máis baratos porque están pagados con diñeiro de todos os galegos. E iso o que non vou tolerar. Que con diñeiro de Vigo se faga competencia desleal con Vigo. Pero hai unha razón de fondo. Coñeces algunha cidade industrial do mundo sen aeroporto?....Hai que ter aeroporto se se quere ter industria. E se non hai aeroporto pois a medio prazo desaparece a industria de Vigo.

Peinador, de mercadorías?

Pois aí vou. E non se pode converter nun gran aeroporto de mercadorías?

Iso que o colla Santiago e nós nos quedamos con viaxeiros.

Pero non ten sentido sendo esta a área industria de Galicia como acabas de dicir?

Pero as mercadorías que se fabrican en Vigo non viaxan en avión. Todo iso son mitos, historias da China. Ese é o intento de dicir que en Vigo nos quedemos coas mercadorías. O transporte aéreo non funciona con mercadorías. Só as grandes plataformas loxísticas e, por certo, Inditex elixiu Zaragoza, sendo de Galicia. As mercadorías van nas bodegas dos viaxeiros.

En todo caso falando de pasaxeiros, aí está Porto que arrasa...

Pero con 12 millóns de axudas ilegais e iso non pode ser. Temos que xogar todos en igualdade de condicións...O que hai que preguntarse é por que nos teñen medo?

Pero quen e por que lle teñen medo?

Porque non entende o dinamismo de Vigo. Desde Santiago non se entende ese dinamismo. Non o entenden estructuralmente. Péchanse alí e acaban pensando en termos de Santiago e Santiago é unha cidade singular; non ten industria, non ten mobilidade económica. É unha cidade distinta. É marabillosa, histórica. E está moi ben, pero non é o século XXI. O século XXI é Vigo e chámase automóbil (Indica pola fiestra a factoría de Citroën). Aquela é a segunda factoría máis grande de Europa. E iso que hai aí (indica agora cara o porto) é a primeira industria de pesca do mundo. E se vas máis alá, están os asteleiros, agora en risco por culpa de Almunia e da ineficacia de Rajoy e Feijóo. E nós queremos defender isto porque se Vigo non tira, Galicia non tira.

Penso que iso témolo todos claro pero supoño que teremos que tirar todos xuntos, non?

Non o teñen todos claros. Por que nos negan axudas a Vigo e danllas a Santiago?. Porque lle dan axudas ao aeroporto de Santiago e non ao de Vigo. Por que?

E non será porque ten mellores infraestruturas?

Non.

Pois agora ten unha nova terminal que, por certo, fixo un ministro amigo seu, socialista e galego.

Un ministro do Goberno de España, si. Pero aquí tamén temos unha terminal espléndida e magnífica. Podemos traer tres millóns de viaxeiros. Todos os viaxeiros de Galicia caben en Vigo.

E máis tamén

Pero non te estraña que haxa máis axudas para os de Santiago que para os de Vigo. Somos menos de Galicia os de Vigo?.

Pero falamos dun problema político...

Claro, dunha política en contra de Vigo.

Entón non é unha cuestión de Vigo si e Santiago non

Nós o que queremos é ser tratados como iguais. 

Manifestación polo naval

Ben. Sacou a xente á rúa por esta cuestión hai ben pouco.  Acabamos de falor do famoso tax-lease que está pendente.

E é un escándalo.

Si. Pero, volvería sacar xente á rúa acompañado da Xunta e da man de todos os partidos políticos?

Eu xa estiven niso. Xa estiven na rúa co naval pero non vin alí ao presidente da Xunta. E xa se fixo.

Pero volvería a outra estando Feijóo?

Xa lle digo que xa se fixo e alí non estivo Feijóo. Pois que nos explique por non estiveron nin el nin o PP. E iso foi a semana pasada e insisto que Feijóo non estivo.

En todo caso, se Feijóo saca aos seus á rúa defendendo ao naval, vostede estaría con el?

Pero estou dicindo que xa saíron. Xa se fixo

E se hai unha nova?

Cada vez que convoquen para o naval os sindicatos estarei con eles, por suposto. 

E se convoca a Xunta, por exemplo?

En Santiago?

En Vigo

Se o fai en Vigo igual se perde. Como vai convocar aquí unha manifestación se non coñece o camiño...Eu propuxen unha fronte para defender o naval e estou satisfeito porque se fixo pero perderon un mes. Eu acabo de propoñer que a esa fronte, que xa lle pedín ao ministro de Industria que fixera o que xa está facendo agora. A esa fronte teñen que sumar agora a Cándido Méndez e a Toxo. E incorporalos hoxe mesmo. E eu síntome representado nesa fronte. Nese caso, como alcalde de Vigo, o ministro ou o presidente da Xunta estanme representando.

E gustarialle estar na xuntanza que van manter con Almunia?

Se cren que debo estar, estarei encantado. Pero se non, tamén. Non é cuestión de protagonismos. Eu propuxen esa fronte e xa se fixo. Se eles consideran que é necesario o meu apoio ou a miña presenza eu estarei encantado. O importante é que paren a Almunia que, por certo, fun o primeiro en decirllo.

Conversa con Almunia

Falou entón con el?

Si. Absolutamente

E que dixo?

Que non entende nada. 

Como que non entende nada?

Pois iso. Que di que non entende nada. Cree que isto non lle afecta aos asteleiros e demostreille na conversa que está equivocado.

E non cre que debe de dimitir?

Iso xa o dixo o responsable do socialistas en Galicia. Está claro que se non cumple ten que marchar. Eu defendo a miña cidade por riba de todo sexa contra Feijóo ou sexa contra Almunia. E estou contento con Ana Pastor e non me corto un pelo en decilo. Está facendo un gran traballo en Vigo.

E pensa que iso é porque ela vive en Pontevedra e non é de Santiago nin da Coruña?

Non me importa por que o fai. O caso é que o fai e eu, en nome da cidade, recoñezolle isto. Igual que recoñezo que foi Pepe Blanco quen arrincou con todas estas obras que ela continúa agora e que ten todo o meu apoio.

O hospital de Vigo e caixas

Hospital de Vigo. Outra gran infraestrutura que está parada. A que se debe?

Está parado e é privado, que é o peor. Entregaron un hospital a unha empresa privada e, polo tanto, imos ser a única cidade de Galicia que imos ter un hospital privado e, ademais, inacabado. Nin sequera son capaces de acabalo porque estivo mal enfocado desde o principio. Feijóo enfocouno mal, con privado, porque non tiñan financiamento. E isto non vai. E acabará facendose con fondos públicos sendo privado. E levo xa tres anos dicindo isto e os feitos danme a razón. En todas as controversias que temos coa Xunta, os feitos avalannos a nós. Fíxese o da caixa. O FROB vaina vender. Tremendo. E non será porque eu non o dixera un día tras outro. Cantei todo o que ía pasar.

E, sen embargo, como foi que Gayoso non impuxo aí na fusión a fortaleza de Caixanova?

Iso que o conteste Gayoso. Eu falo por min, o que teña que dicir Gayoso que o diga el.

Pero vostede tivo moito contacto con Gayoso nesa época, especialmente, como alcalde de Vigo

O que teña que dicir Gayoso que o diga el. Eu digo que denunciei en público durante anos que isto era un roubo a Vigo e foi así. Roubaronnos a caixa. Dixen que a fusión nacía morta e naceu morta. Dixen que ía acabar nun banco privado e así vai ser. O señor Feijóo ten que estar orgullosísimo. A xestión máis catastrófica da historia de Galicia. E eu advertino.

E como é que foi as urnas e volveu gañar?

En Vigo non. En Vigo perdeu. Sacou o 34% dos votos. Co resultado de Vigo tería 29 deputados en vez dos 38 que se necesitan e iso é porque en Vigo a xente non o quere nin ver. Non ven aquí nunca. E cando ven ven a actos pechados rodeado de Policía porque a xente en Vigo non o quere. E eu tampouco.

Nin institucionalmente, tampouco?

Eu son institucionalmente respectuoso. Gañou as eleccións. Eu son demócrata e creo niso. Pero eu non o quero en Vigo porque só fai que danar esta cidade.

Xuntanza con Feijóo

Desde que gañou non mantiveron aínda ningunha xuntanza institucional, non si?

E desde antes tampouco. Eu xa lle pedín dúas reunións; unha fai dous anos e medio e a outra xusto cando gañou. E o señor Feijóo non ten tempo para falar co alcalde da cidade máis importante de Galicia.

Non ten tempo ou non quere?

Preguntallo a el. Parece non ter tempo. E senon quere pois é gravísimo, claro. O que fai é unha tomadura de pelo a esta cidade. Por iso Vigo non o quere, porque é consciente de que nos está agredindo e non entende esta cidade. Agora mesmo non hai nin unha soa obra pública da Xunta nesta cidade. Só un hospital privado. E como se explica isto?

Tamén a maior parte das obras públicas están paradas tamén no resto de Galicia pola crise...

Pero nós pagamos aquí o 17% dos impostos de Galicia. E recibimos, cero. Xa lle dixen que adica 20 millóns de euros á Cidade da Xustiza da Coruña e veu a dicilo aquí a Vigo e, por iso, case lle asubían os propios avogados. E tamén dixo que está facendo outra en Ourense. E eu non crito que o faga noutras cidades. O que critico é que non fai nada en Vigo.

Os retos de Vigo

E, agora, cales son as principais necesidades de Vigo?

Principalmente o emprego e aí estamos volcados todos. Temos un plan de emprego que dá acollida a 3.000-3.500 persoas desempregadas. E eu pido que a Xunta e o Goberno de España apliquen un igual. Iso significaría que Vigo tería 9.000 parados menos. Pero a Xunta de Galicia non aplica plans de emprego e a Deputación de Pontevedra fuxiu de Vigo. Xa non existen en Vigo. Como é posible que adiquen 4 millóns de euros á limpeza e mantemento da Cidade da Cultura e só destinen 70.000 euros para a cultura de Vigo?. E como queren, entón, que estemos contentos e, iso, que esta cidade vai coma un tiro. Outro sector importante, o do automóbil está traballando, por primeira vez, de noite. Se o naval non nolo pararan co tax-lease, estaría en forma. e a cidade nótase que está experimentando un gran cambio. Pero hai unha enorme deficiencia e agresión e chámase Alberto Núñez Feijóo. El saberá por que.

Vexo que ten certa fixación con Feijóo. É como se fora un demo.

É que nos roubou unha caixa de aforros. É que nos quixo gobernar a área metropolitana desde fora. É que quere afundir e pechar o aeroporto de Vigo. É que mete un hospital privado. É que non gasta un duro en Vigo e non fai plans de emprego na cidade. E como quere que o vexamos?.

Entón pensa que é o peor presidente que tivo Galicia?

Sen ningunha dúbida.

O futuro do naval

Digo con Vigo

A siglos luz...porque Fraga non entendía Vigo pero Fraga era como era pero non chegou a esta agresión contínua. Ninguén, nunca. 

E falando do naval. Que hai que facer agora?

Pois o naval é clave. E toda esta mobilización do naval iniciona o alcalde de Vigo. Se me quedo calado, lévanos por diante.  E iso que estou satisfeito co que está facendo o ministro de Industria. Está reaccionando, aínda que tarde. Eu falei con el a pasada semana, unha conversa longa, e decateime que o ministro e mais eu compartirmos a mesma posición sobre o naval ao 100%. E o mantiven con Rubalcaba e tamén me dixo que comparte a mesma posición ca min. Pero falei con Almunia e non compartimos nada, nada de nada de nada. Por iso eu comparto e apoio todo o que ten que ver con esta mobilización do naval na que tamén está o meu bo amigo, o presidente de Asturias, co que tamén falei, e o lendakari. É un pequeno balón de osíxeno. Non sei se vai resultar o non pero deposito as miñas esperanzas neles pero é unha pena que isto non comezara fai meses. É que a Xunta non sabía que ía pasar isto?. Como é posible que o soubera o alcalde de Vigo e non eles? ou é que o mantiñan oculto para botarlle a culpa a Almunia.

Estás dicindo que sabían algo?

Pois se non o sabían, pois son uns neglixentes porque se o sabía eu e o destapei eu e non o sabían eles, pois mala cousa. E é que as competencias de Industria son eles e eu constatei que o ministro de Industria --porque falei con el-- falara moitas veces disto con Almunia. Entón Feijóo tíñao que saber e mantiñao oculto. En todo caso a ver se o resolvemos que é o que a min me importa. 

Por iso, volvendo ao que dicía antes, será mellor que todos vaian unidos, non?

A min non me convocaron a ese encontro pero tampouco me vai a ver unha crítica sobre iso. Váleme que fagan esa fronte e que incorporen aos secretarios xerais dos dous sindicatos. Non quero protagonismo. Quero que o arranxen.

Fala de sindicatos, de empresarios. E non cre que tamén debe de haber un fronte político?

Xa está o ministro cos tres presidentes autonómicos.

Eu falo de partidos políticos

Bueno, ben. Se nos incorporan non estaría de más, pero se non o fan, tampouco pasa nada porque están as institucións, sindicatos, patronal, asociacións, Xunta, etc. É unha boa representación e a min me  vale. No Congreso aprobouse unha iniciativa sobre o tema por unanimidade. O mesmo aconteceu no Parlamento de Galicia. Creo que vai ben enfocado.

Agora falamos da oposición. Como a ve?

Pois esta posición do PP de Vigo que favorecen os intereses da Coruña e de Santiago e non apoia ningunha das nosas que van encamiñadas a potenciar comercialmente a Galicia. Pero eles saberán o que fan. As cousas van francamente ben. Somos a cidade menos endebedada de España en en dous anos seremos a única cidade de Europa con deuda 0. 

Por certo, e como está o Barrio do Cura?

Xa está case todo. Faltan os permisos da Xunta. Eu penso que vai saír rápido e vai ser unha gran transformación da cidade. Xa ten o visto e prace do concello.

Supoño que tamén servirá para potenciar o casco vello, non?

Estamos realizando un plan para rehabilitar o casco veño cun plan que xa ten o visto e bo daqui. Só faltan os permisos da Xunta pero eu penso que vai ser nunha xuntanza inmediata. Tamén está a panificadora que queremos que sexa un espazo público. Tamén temos unha UNED en Vigo e a metimos no casco vello para dinamizala.

As dificultades de Vigo

Estou agora botando contas para ver se houbo algún alcalde que estivo dúas lexislaturas.

Estivo Soto

Efectivamente, Manoel Soto

Hai máis de 20 anos que a cidade de Vigo non repetía alcalde dúas lexislaturas 

E iso que Vigo é unha praza tan difícil. Como explica isto?

Será que conectamos cos cidadáns. Será que o plantexamento que facemos é o que queren os cidadáns que é o impulso econóico, a transformación e a defensa da cidade. E todo isto está funcionando ben. E logo está que Vigo quere ter peso en España. Eu son o vicepresidente da FEMP. Imaxianse alguén que Figueroa --líder do PP vigués-- fora algunha vez vocal de sexta fila?. Pero conmigo somos o dous dos 8.100 axuntamentos que hai en España. Iso esta cidade o valora.

Pero isto non se debe tamén, en parte, a fragmentada oposición que hai en Vigo?

Ese xa non é o meu problema.

E cre que pode aspirar a un terceiro mandato?

Claro, claro .Aspiro.

E cre que vai volver gañar?

Humildemente creo que si. E o digo humildemente.

Entón pasaría a historia da cidade?

Pois non sei se será así pero humildemente creo que as volverei a gañar. E ademais pedireille aos cidadáns que nos dean 14 concelleiros para non depender de pactos e condicionamentos para seguir levando adiante a cidade. E por iso estou convencido de que nos van dar un apoio importante.

Fala de pactos. Tivo unha lexislatura gobernando co Bloque e outra sen eles?

E non foi mal. Eu non estou descontento con esa primeira lexislatura pero o BNG non quixo volver a reeditar ese pacto. Presentouse as eleccións dicindo que o ía facer e logo non o fixo. Non sei que lle van seguir decindo os cidadáns.

Agora hai unha nova forza política.

Pero aqui, de momento, o seu peso é cero.

Teme que poida irrumpir forte AGE?

De momento non teñen ningún concelleiro. 

A vida política

Fagamos agora unha traxectoria pola súa vida política. Vostede é de Ponteareas, por certo

Nacín en Ponteareas e son de Vigo. 

E defende Ponteareas do mesmo xeito que Vigo?

E que Vigo é un concepto que trascende. Eu aínda que nacín en Ponteareas síntome da área metropolitana de Vigo porque hai que pensar en Vigo como unha cidade que trascende máis alá.

E da súa longa traxectoria política que destaca?

Fun moitos anos membro da Executiva Federal e aí madurei políticamente. Antes fora ministro e logo presenteime á Xunta de Galicia e aí estiven no Parlamento. Pero todo isto foi unha especie de adquisición para ser alcalde de Vigo. Eu o enfoco así. Toda a miña traxectoria foi unha andadura para acabar sendo alcalde de Vigo que é o máis importante que se pode ser nesta vida. E repetín unha vez e agardo volver a facelo outra máis e outra máis.

Quere xubilarse en Vigo, directamente?

O final da miña carreira política vai ser Vigo. Iso sen dúbida. Cando decidan os cidadáns aí sera. Pero eu presentareime as outras e logo Deus dirá.

Futuro do PSdeG

E agora volvo a insistir co tema do seu partido, no que ten un peso importante, aínda que manteña que é o alcalde de Vigo. Como ve o PSOE en Galicia?

Pero diso hai moita xente que lle fala con máis entusiasmo e coñecemento ca min.

Pero gustariame saber a túa opinión como o alcalde máis importante de Galicia. Supoño que terás algo que dicir, non?

E o digo onde o teña que dicir. Pero desde a humilidade, sempre, o meu proxecto é que Vigo fora a cidade central e clave de Galicia e o é e que ocupe un lugar importante en España. E o meu proxecto político chámase Executiva Federal do Partido Socialista Obrero Español no que estou e chámase FEMP porque Vigo ten que estar metida en España e ese é o meu proxecto. Galicia xa hai outra xente que se adica a isto. Eu non opino.

Pero non lle importa entón que haxa bos políticos de Vigo no Parlamento de Galicia, por exemplo?

Xa os hai.

Por iso o digo.

Está Abel Losada que é, ademais, o portavoz. Estou encantado porque, ademais, entre outras cousas, ten todo o meu apoio. E iso é moi interesante porque é presencia viguesa e, ademais, faino moi ben. Pero o meu obxectivo é estar presente na Executiva Federal e ter a Vigo presente en España que é o noso lugar.

E non cres que Vigo debería estar representada na futura dirección do PSdeG?

Non estamos niso. Eu estou en Vigo.

O galego

Xa para rematar. Vexo que me estivo falando en galego unha boa parte da entrevista

E que eu son bilingüe.

A iso vou porque hai algún sector político que o acusa de non utilizar o galego

Pero eses son os que teñen que buscar algunha disculpa para atacarme e como non atopan nada pois din que eu falo galego, falo español, falo inglés e falo portugués. Pois si. Falo todo isto. A lingua non é un motivo de confrontación. Os que a utilizan como confrontación, flaco favor lle fan ao país. Beiras, por exemplo, nunca fai confrontación coa língua. Nunca. E é que a lingua non é para confrontar. Cada un que fale o que queira. Agora é certo que nós temos que potenciar o galego porque é unha lingua que sofre porque nesta sociedade moderna, os medios, todo ven en castelán e, polo tanto, temos que tratar de potenciar o galego e eu estou nesa línea. Pero eu teño que dicir que nacín nunha familia castelán falante e aprendín a falar galego en Ponteareas, nas rúas, cos meus amigos que todos falaban galego. E teño o galego que teño e non o normativizo. Paso olímpicamente diso porque eu falo o galego que falei sempre desde a miña infancia. E se ti me falas en galego teño tendencia a falar en galego. Por exemplo, eu co meu conductor, Basilio, sempre falo en galego. É galegofalante e eu atópome nunha comodidade absoluta falando en galego e o facemos sen ningún tipo de confrontación. A lingua ten moito de personalidade, de criterio, e cada un ten que falar na súa lingua e temos que ser tolerantes e respetuosos. En Galicia non hai problema de lingua. Iso si, sempre hai que potenciala. Por certo, agradoume escoitar o ben que o falas. Vese que es galego parlante. E iso sempre é bonito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 29 comentarios

11 Ronsel

Vigo no século XXI en A Corunha e Compostela no século XV? pode ser... pero a realidade é que Caballero co seu localismo "gañán" tipo paco vazquez está ancorado no século III A.C.

10 eusi

Recunca demasiadas veces o vocábulo "humildade": di-me do que presumes e direi-che do que padeces. E se se sente tam desfavorecido, o resto de Galiza tamém o estamos, nengumha cidade, vila nin aldea goza de um porto FRANCO, é dizer, que nom paga impostos!

9 e1u

o localismo é espanholismo!

1 vigués

ah si? e por que?

2 Montesío

Home! Pero ti de onde es? Non hai nada máis galego que o localismo. Bravo por Abel! Se aínda despois de tantos anos acabarei votando o P$OE. Todo o que di este home nesta entrevista é certo. Conseguirá a maioría absoluta. Os cidadáns queremos os servizos onde vivimos, os servos teñen os servizos onde reside o noble. AGE bule, por favor!

8 Caciques do S. XXI

Quando nom há soluzons, sempre fica a demagogia localista... Se lhe funcionou a Francisco Vázquez, por que nom lhe vai funcionar a este...

7 Xosé o Berbés

Completamente dacordo co anterior. Non é que Caballero sexa do meu agrado pero moitas das cousas que di nesta entrevista ten moita razón. Xa está ben que Feixonciño e a súa comitiva populeira leve todo para Santiago. O que está facendo é que este alcaldiño se volva máis localista e, polo tanto, as rivalidades entre o norte e sur se agranden. A quen hai que atacar é a quen provoca iso e ese é o Feixón.