Por Europa Press / Redacción | MADRID | 04/05/2025 | Actualizada ás 12:10
O Consello de Ministros aprobará este martes o proxecto de lei que reduce a xornada laboral máxima semanal a 37,5 horas, sen diminución salarial, un paso máis cara á súa tramitación no Congreso. A norma inclúe tamén un novo sistema de rexistro horario dixital e sancións económicas máis duras para as empresas que non cumpran.
Segundo o Ministerio de Traballo, a medida beneficiará a preto de 12 millóns de persoas, especialmente a quen traballa sen cobertura de convenios colectivos en sectores como a hostalaría, o comercio, a agricultura ou os servizos.
A rebaixa da xornada é froito dun acordo entre o Ministerio que dirixe Yolanda Díaz e os sindicatos CCOO e UGT, e chega pouco despois do 1 de maio, no que esta reivindicación foi central nas mobilizacións.
O texto, que recibiu os informes do Consello de Estado e do Consello Económico e Social, establece que o novo rexistro horario debe ser dixital, obxectivo e accesible, e conservarase durante catro anos. As empresas deberán garantir que cada traballador fiche directamente o inicio e o final da súa xornada, e que poida consultar os seus datos de forma inmediata.
Ademais, recóllese o dereito irrenunciable á desconexión dixital, co fin de que ninguén se vexa obrigado a responder correos ou chamadas fóra do seu horario.
O endurecemento das sancións é outro dos puntos destacados: as empresas que incumpran poderán recibir multas de ata 10.000 euros por cada traballador afectado, fronte ao máximo actual de 7.500 euros por infracción.
Tras a aprobación no Consello de Ministros, o texto será enviado ao Congreso, onde se abrirá unha nova fase de negociación parlamentaria. O apoio dos socios da coalición non está garantido, especialmente tras a negativa da patronal catalá a apoiar o texto, o que podería influír no posicionamento de formacións como Junts.
Os sindicatos xa advertiron de que presionarán para evitar que se modifique o acordado, mentres que a patronal CEOE mantén a súa oposición frontal á medida, e reclama unha avaliación do seu impacto económico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.