Galicia entra de cheo na terceira onda: supera xa os mil novos casos e os 10.000 activos

A positividade mantívose por riba do 9 % nos últimos tres días. Récord de probas PCR realizadas (10.752) e de positivos (1.025). Hai 34 pacientes ingresados máis que o día anterior e as hospitalizacións en UCI crecen un 30% en 7 días

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/01/2021 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

Galicia superou xa os 10.000 casos activos tras máis de 1.100 novos contaxios en 24 horas.Unhas cifras que sitúan ao país na terceira onda con cifras de récords e que non paran de crecer desde o Nadal. Precisamente, foron estas datas, con infinidade de xuntanzas familiares o que está motivando que os casos se disparen.

Incidencia acumulada da covid nos concellos galegos
Incidencia acumulada da covid nos concellos galegos | Fonte: Sergas

De feito, Galicia leva tres xornadas consecutivas batendo récords de contaxios e de subas de casos. Este xoves o Sergas rexistrou máis de 1.190 novos contaxios, dos cales 1.025 foron confirmados por PCR, a maior cifra dende que hai datos oficiais.

O crecemento de casos é máis aguilloado nas áreas sanitarias das dúas grandes cidades de Galicia, A Coruña e Vigo, que achegan case a metade dos novos positivos nunha xornada na que empeoran os parámetros de todos os distritos sanitarios (salvo Ferrol) con aumentos no cómputo de hospitalizados e de casos diagnosticados. Así, a Coruña ten 2.469 (+209), logo Vigo: 1.893 (+173), Ourense: 1.348 (+116), Santiago: 1.983 (+97),  Lugo: 945 (+55), Pontevedra: 867 (+35) e Ferrol: 710 (+51).

PRESIÓN HOSPITALARIA

En comparativa coas cifras de hai 7 días, o número de ingresados nos hospitais galegos creceu un 25% no cómputo global e un 30% nas unidades de coidados intensivos. O maior número de hospitalizados concéntrase un día máis na área da Coruña-Cee, que suma 20 novos ingresados que elevan a 150 o total con 27 deles en coidados intensivos (+5). Tamén alcanza a centena o distrito de Santiago-Barbanza, que acolle a 100 pacientes nos seus hospitais (+1), 8 na UCI (+2).

Ferrol é o único distrito sanitario no que non aumenta o total de hospitalizados (mantense en 79) aínda que si o fan a pacientes UCI ata os 5 (+1). Tras as áreas coruñesas está Vigo, que contabiliza 69 pacientes (+3), 22 en críticos (sen cambios).

En Pontevedra tamén repuntan ata os 60 hospitalizados (+3), aínda que se relaxa minimamente a presión sobre a UCI con 9 pacientes (-1). En Ourense soben a 53 os ingresados con coronavirus (+5), dos cales, 7 precisan coidados intensivos (+3); mentres que os hospitais de Lugo suman dous novos pacientes ata os 34, 3 deles en críticos (-1).

PCR E POSITIVIDADE

A deste xoves supón unha nova xornada de marca en Galicia, que bate o pico de contaXios por terceira vez en seis días. Foron 1.025 os casos detectados nas 10.752 probas PCR practicadas nas últimas 24 horas (831 test máis que o día anterior).


Estas cifras sitúan de novo á Comunidade galega en valores similares aos de principios de abril en canto á taxa de positividad das probas PCR. A porcentaxe de positivos das probas practicadas ata as 18,00 horas do mércores foi, por tanto, do 10,3%, o dobre do establecido pola OMS para dar por controlada da pandemia, un limiar do que Galicia non baixa desde o 24 de decembro.

Por áreas, os sete distritos sanitarios galegos situáronse por encima deste baremo coa Coruña (13,5%) e Pontevedra (13%) coas taxas máis altas que, en todo caso, só baixaron do 8% en Lugo (7,8%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta