Temas: BNG PESCA BREXIT

O BNG pide "reasignar" as cotas de pesca e que Galicia se declare zona altamente dependente do sector

O deputado no Congreso Néstor Rego insta o Goberno a reverter os efectos "lesivos" para os colectivos pesqueiros.

Por E.P. | A CORUÑA | 14/01/2021 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O BNG reclamou ao Goberno central que presione para "reasignar" as cotas de pesca e que Galicia sexa declarada zona altamente dependente deste sector. Segundo os nacionalistas, os acordos como consecuencia do Brexit son "claramente lesivos" para a pesca galega.

"A cota galega é insuficiente e outros estados non consomen a que ten atribuída", criticou o deputado no Congreso, Néstor Rego, tras unha reunión xunto a outros representantes nacionalistas con portavoces do sector pesqueiro na Coruña. A reasignación de cotas en función das "necesidades" das frotas, engadiu, "sería o lóxico".

Segundo Rego, o Goberno central "non defendeu os intereses da pesca galega" cos acordos do Brexit e recriminou que se trata dun sector "fundamental" para a Comunidade, do que viven "miles de persoas" de maneira directa e indirecta.

Ademais, se Galicia é declarada zona altamente dependente do sector pola súa afección "ao conxunto do sector e o benestar social" podería ver "reforzada" a súa posición, engadiu o deputado, "á hora de reclamar cotas" e para ter "capacidade de decidir nas negociacións". "Non podemos ser actores pasivos en algo que ten incidencia nas nosas vidas", apostilou.

"É LAMENTABLE"

Pola súa banda, a portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, reprochou que o Goberno central está "a deixar moi tirado" ao sector, que, ademais, engadiu, "sufriu moito pola pandemia". Criticou que a pesca fose "o último da fila" para o Executivo na negociación do Brexit. "É realmente lamentable", denunciou.

O BNG anunciou que pedirá unha comisión especial respecto diso. "Hai unha retórica de que están preocupados, pero cando hai que demostralo, vótase dunha maneira en Galicia e no Parlamento español, outra", recriminou a deputada no Parlamento galego, Rosana Pérez, que reclamou que o Goberno galego "tome conciencia e implíquese con contundencia" na reclamación de melloras para a pesca.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e deputados desta formación reúnense con representantes do sector pesqueiro. BNG
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e deputados desta formación reúnense con representantes do sector pesqueiro. BNG | Fonte: Europa Press

Temas: BNG PESCA BREXIT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta