O impacto da pandemia fai baixar a produción de residuos entre os concellos adscritos a Sogama

A maior caída na produción de refugallos tivo lugar nas seis grandes cidades que utilizan os servizos desta empresa pública, representando case 15.000 toneladas.

Por E.P. | A CORUÑA | 18/01/2021 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

O impacto da COVID-19 tamén se deixou notar na produción e xestión dos residuos urbanos por parte dos cidadáns, segundo informa Sogama que asegura que o lixo convencional depositado no colector verde descendeu un 0,72%, baixando das 800.802 toneladas de 2019 ás 795.052 toneladas de 2020.

"Estes datos confirman a tendencia observada desde marzo do pasado ano, cando a pandemia irrompeu con virulencia na vida da poboación, modificando hábitos e comportamentos", sinala. A maior caída na produción de refugallos tivo lugar nas seis grandes cidades que utilizan os servizos desta empresa pública, representando un total de 14.947,88 toneladas.

"Constatouse en maior medida en Santiago de Compostela, cun -10%, seguida por Vigo, cun -5,89%, Ourense, cun -5,4% e Pontevedra, cun -4,06%", engade. Lugo, saldouse cun -3% e Ferrol, cun -1,19%. "Todas moi por encima do -0,72% global do conxunto dos concellos adscritos ao sistema Sogama", recalca.

Das 275.400,61 toneladas xeradas polas seis urbes en 2019, baixouse a 260.452,78 en 2020, o que representa unha diminución do 5,43%. Atendendo ás catro provincias, o mellor comportamento na menor produción de residuos rexistrouse na de Lugo, con -1,47%.

O obxectivo da compañía é "aproveitar esta tendencia á baixa para incidir, desde a dimensión formativa e de concienciación social, na importancia de seguir primando o consumo responsable e a menor xeración de refugallos, sen esquecer a correcta segregación dos mesmos en orixe e posterior depósito nos colectores de recollida selectiva co fin de propiciar a súa transformación en novos produtos".

Lixo para incinerar na planta de Sogama
Lixo para incinerar na planta de Sogama | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta