A alcaldesa de Xinzo pide aos veciños "reducir ao máximo a mobilidade" e cumprir as restricións

Considera que o comité clínico tomou "en consideración" as recomendacións restritivas ordenadas polo concello nun bando este luns.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 19/01/2021 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A decisión da Xunta de pechar por completo ao público a hostalaría en Xinzo de Limia --xunto con Viveiro e Arteixo-- pola evolución da covid-19 era o que se demandaba desde o Concello, segundo lembra a súa alcaldesa, Elvira Lama, que pediu aos veciños que cumpran estas medidas e "reduzan ao máximo a mobilidade" para baixar os índices. "O que prima agora mesmo é a saúde", resolveu.

Realización dunha proba PCR para a detección da covid-19
Realización dunha proba PCR para a detección da covid-19 | Fonte: Europa Press.

A rexedora considera que, con esta decisión do comité clínico, as autoridades sanitarias galegas "toman en consideración a proposta" realizada polo Concello de Xinzo que, nun bando municipal este luns en vista da evolución dos contaxios, suspendeu as actividades culturais, deportivas e sociais en instalacións municipais e pediu aos seus veciños que adianten voluntariamente o toque de queda ás 20,00 horas.

Ademais, explicou Elvira Lama, precintáronse parques e xardíns e, nos próximos días, intensificaranse "os labores de desinfección". "Son, en principio, medidas que nós estabamos a reclamar, porque a incidencia está desmandada e preocúpanos o que está a pasar", dixo, en relación ao comité clínico.

A rexedora apostou por seguir facendo traballo de concienciación entre a poboación, reclamando que se cumpran as medidas, que se "reduza ao máximo a mobilidade" e que os veciños sexan "prudentes". "Esperemos que esta situación mellore con estas novas medidas, que resulten efectivas e podamos rebaixar esta cifra", engadiu.

Aínda que explicou que non dispón da "diagnose efectiva" da evolución en Xinzo, Elvira Lama atribuíu a mala tendencia ás "reunións sociais e a permisividade do Nadal", así como a que este concello ten "moita mobilidade" e "moita relación con outros da súa contorna" nos que "as incidencias tamén están disparadas".

Sobre a posibilidade, se as cifras non baixan, de endurecer aínda máis as medidas, a alcaldesa mostrouse partidaria das decisións que permitan "protexer a saúde dos veciños do concello". "Sen saúde non hai economía, nin interacción. Agora mesmo o que prima por enriba de todo é a saúde", dixo Elvira Lama, que engadiu que despois "haberá tempo para reconstruír" sectores como o hostaleiro, que "volven ser golpeados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta