60 anos desde que Xosé Velo tomou o 'Santa María' para transformalo na 'Santa Liberdade' contra as ditaduras

Unha curtametraxe documental aborda o valor da figura do galeguista e a súa vinculación coa guerrilla antifranquista

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2021 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

O 'Santa Liberdade' cumpre 60 anos, unha operación ideada e impulsada por Xosé Velo co obxectivo de atraer a atención do panorama internacional e romper coa inacción das potencias occidentais sobre as ditaduras que dominaban a Península Ibérica: o Franquismo en España e o réxime de Salazar en Portugal.

O Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación pasou á historia en 1961 a raíz do secuestro do 'Santa María', transatlántico que cubría a ruta entre Venezuela e Galicia, e foi o propio Pepe Velo quen liderou, organizou e desenvolveu todo o plan para lograr que 24 persoas (12 galegos e 12 portugueses) tomasen o navío.

A figura de Velo foi clave e o 25 de xaneiro tomou a palabra no buque, rebautizado como 'Santa Liberdade', para dedicarlle unha arenga aos pasaxeiros e explicarlles as reivindicacións do comando. O movemento buscaba pór o foco nos intereses de occidente en preservar aos ditadores en España e Portugal ante a 'ameaza do comunismo' en pleno epicentro da Guerra Fría, e denunciar a represión e a persecución do pobo.

No entanto, a figura de Pepe Velo vai máis aló desta operación, e destacou por unha importante actividade tanto na súa localidade natal, Celanova, como na súa posterior fuxida dos falanxistas cara a Vigo e, finalmente, desde o exilio en Portugal e Venezuela.

"En palabras do seu fillo Víctor, que vive en São Paulo e con quen manteño o contacto desde hai anos, podemos entender a Pepe Velo sen falar da 'Santa María' pero non podemos falar da 'Santa María' sen falar de Pepe Velo", sinala Aser Álvarez, director de Arraianos Producións.

UN REFERENTE "ESENCIAL"

Coincidindo co aniversario do asalto ao transatlántico e tamén o próximo 49 'cabodano' de Velo, a produtora puxo a disposición dos centros educativos de Pontevedra e en redes sociais unha curtametraxe documental para arroxar luz sobre o valor deste galeguista e sobre aspectos destacados da súa biografía.

"Levamos moito tempo seguindo a figura de Veo. Ten un enorme valor dentro do galeguismo desde as súas orixes. En Celanova foi vangarda das Mocidades Galeguistas, xunto a Celso Emilio Ferreiro. Eu crieime alí, para min é un referente esencial en moitos aspectos", explica.

O director sinalou que o secuestro da Santa María "eclipsou sempre o resto das súas facetas", a pesar de contar con capítulos "moi interesantes ao redor da súa vida e obra que o fan digno de ser lembrado".

En Celanova estivo detrás do 'Vieiro' das Mocidades Galeguistas e fixo un "traballo extraordinario" nesta organización, aínda que tivo que marcharse a Vigo debido á "represión" e persecución exercida polos falanxistas na localidade.  Alí, lonxe de desactivarse politicamente, axudou a Guerrilla Antifranquista, servindo de ligazón e elaborando propaganda mediante unha máquina multicopista que tiña no seu domicilio.

Tamén foi en Vigo onde estableceu unha importante amizade con Mariano Otero Castelao, concelleiro durante a Segunda República, que se instalou na cidade para traballar de xastre.

RESISTENCIA NO EXILIO

Con todo, tras unha redada e os feitos posteriores a ela, ambos víronse obrigados a fuxir e pasaron un ano ocultos na aldea de Moreiras e despois pasaron cara a Portugal. Grazas á mediación do escritor e político Rómulo Gallegos, lograron o pasaporte de 'Unitarian Service' para poder exiliarse en Venezuela.

Velo mantivo a súa actividade, chegou a ser presidente de Lar Galego (1956) e participou no I Congreso da Emigración Galega, celebrado en Buenos Aires. "Traballou para tratar de unificar todo o galeguismo na diáspora con esa vontade de unir e tratar de facer ver que o inimigo común era o Franquismo", engadiu Álvarez.

Velo morreu mozo por mor dun cancro de pulmón e non conseguiu desenvolver a súa vocación como autor, aínda que conta con algúns textos publicados na Revista 'Nós' e poemas que "deixaron cegados a moitísima xente", engade Aser Álvarez, como 'El Ciprés'.

FACER XUSTIZA Á SÚA FIGURA

O documental de Arraianos busca, con vocación didáctica e pedagóxica, facer xustiza á figura de Xosé Velo a través do relato de especialistas, investigadores e persoas que o coñecían, como o seu fillo Pepe e Conchita Otero Castelao, descendente do activista.

"É un exercicio de memoria moi necesario. Nunca foi reivindicado porque é unha figura incómoda, polo independente que foi sempre", lamentou Álvarez, a pesar de ser "un dos históricos" do galeguismo e un "auténtico visionario avanzado ao seu tempo".  De feito, lembrou unha carta asinada por Velo a finais dos 50 para apoiar os postulados dos partidarios do reintegracionismo, que defenderon figuras como Valentín Paz Andrade ou Carvalho Calero.

'Xose Velo en Vigo e a guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra' está dirixido por Aser Álvarez e Nadia Sniba, con animacións de Aldán Delgado e con banda sonora orixinal de Sindo Otero Badás, musicando un poema inédito de Xosé Velo Mosquera dedicado á persoa que o acolleu en Moreiras durante a súa fuxida do réxime.

Ademais desta curtametraxe documental, a produtora publicou unha peza co texto da arenga pronunciada por Velo no 'Santa Liberdade'.

Imaxe do histórico galeguista Pepe Velo. ARQUIVO FAMILIAR DE PEPE VELO
Imaxe do histórico galeguista Pepe Velo. ARQUIVO FAMILIAR DE PEPE VELO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta